O certificado Covid pasa a ser obrigatorio na Galiza en ximnasios, hospitais de día, unidades de diálise e residencias

Feixoo apela á "prudencia" e pide aos galegos "a menor interacción social posíbel".

Núñez Feixoo avanzou que o certificado de vacinación contra a  Covid será obrigatorio para acceder a espazos como os ximnasios, os hospitais de día e  oncohematolóxicos, unidades de diálises, e as residencias de maiores na Galiza.

Así o avanzou o máximo mandatario galego esta quinta feira durante a súa comparecencia na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno.

Feixoo dixo que, ante a evolución da pandemia, cun incremento dos  contaxios nos últimos días, a Xunta "intensificará" a solicitude do certificado "en espazos pechados con posibilidade de  contaxios".

Feixoo aproveitou a súa comparecencia ante os medios para facer un chamamento á "prudencia" e pedir aos galegos "a menor interacción social posíbel" 

Deste modo, a obrigatoriedade de presentar este documento en ximnasios, hospitais de día e  oncohematolóxicos, unidades de diálises e residencias en Galiza únese á da hostalería, os lugares de lecer e os albergues.

Ademais, Feixoo aproveitou a súa comparecencia ante os medios para facer un chamamento á "prudencia" e pedir aos galegos "a menor interacción social posíbel" como ferramenta para loitar contra a Covid, ademais do uso da máscara, a distancia de seguridade e a correcta ventilación.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu o pasado 26 de novembro o visto e prace á Xunta a implementar o Certificado Covid para permanecer nos "interiores" de restaurantes e nos bares (neste caso só a partir das 21 horas) como se adiantara esta semana sobre as consideracións do Goberno galego e o sector para intentar reducir o número de contaxios polo virus.