O certificado Covid seguirá a ser obrigatorio en hospitais e residencias, cando menos, até o 21 de maio

A Xustiza alega que o coronavirus "segue a ter unha elevada circulación". (Foto: Úrsula Prego)
O TSXG defende a "proporcionalidade" da medida alegando que, se ben a presión hospitalaria minguou, a circulación do virus "segue a ser elevada" na Galiza.

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou a Xunta a prorrogar en todo o país, até as 00 horas do próximo 21 de maio, a obriga de presentar o certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos pacientes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Así o notificou esta sexta feira o TSXG, que explicou que se mantén a "idoneidade, necesidade e proporcionalidade da medida", pois os valores que mostra o estudo técnico achegado pola subdirectora de Información sobre Saúde e Epidemioloxía "seguen sendo elevados", o que indica que o virus "continúa tendo unha elevada circulación" na Galiza.

Os maxistrados advirten no auto de que o país segue "nunha situación epidemiolóxica que determina un risco de transmisión do virus", en especial nos lugares para os que se autorizou a prórroga da exixencia do certificado.

Aliás, o tribunal explica no auto que a proporcionalidade da medida para o acceso a determinados estabelecementos "con alto risco de transmisión" é xustificada "coa existencia doutras alternativas ao certificado de vacinación, como son a proba diagnóstica de infección activa, pasar a enfermidade e, mesmo, a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica realizada no hospital".

Na súa argumentación, o TSXG fai referencia a que "a presión hospitalaria baixou, en gran parte debido a que a cobertura de vacinación está, en xeral, por riba de 92%", o que xerou, engade, "un importante cambio na epidemioloxía da Covid-19".

Seguimento

Ademais, subliña que as medidas de prevención que adoptan as autoridades sanitarias "quedan suxeitas a un seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria".

Con todo, esta medida, a única en vigor na actualidade na Galiza, prorrógase outras dúas semanas máis, xa que vencía ás 00 horas deste sábado, 7 de maio. Contra o auto, con data de 6 de maio, cabe presentar recurso de casación perante o Tribunal Supremo.