Cerna TV, a primeira canle audiovisual do ecoloxismo galego

Xornada de limpeza no 2018.(Adega)

Impulsada por Adega “para a difusión dixital de vídeos con contidos de carácter ambiental, ecoloxista ou de defensa do patrimonio natural e cultural de Galiza”.

 

A asociación ecoloxista Adega vén de estrear Cerna TV, unha canle audiovisual para a difusión dixital de vídeos con contidos de carácter ambiental, ecoloxista ou de defensa do patrimonio natural e cultural de Galiza. Actualmente, Cerna TV sería a primeira canle audiovisual galega destinada estritamente á difusión pública de contidos ambientais e ecoloxistas do noso territorio. Estréase coa primeira entrega da sección “Conversas co Ecoloxismo” que protagoniza o doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en contaminación atmosférica e expresidente de ADEGA, Ramón Varela Díaz. O autor do libro “Contaminación atmosférica de Galiza”.

Con esta iniciativa, ADEGA pretende ampliar e diversificar os seus medios de difusión pública, colaborar na divulgación de producións audiovisuais alleas de interese ambiental e producir contidos audiovisuais propios para as redes sociais e para un público máis familiarizado con este tipo de soportes. Esta canle viría así a complementar o abano de medios de comunicación dos que xa dispón ADEGA e que contan cunha ampla traxectoria, como son a Revista CERNA e Radio CERNA. Todos estes medios están accesibles no sitio web de ADEGA, http://adega.gal.

Esta iniciativa, enmarcada no Proxecto Cerna 2019, contou coa colaboración da Área de Cultura da Deputación da Coruña.