TAMéN HAI PROTESTO DA MESA EN CEE

O cerco e a sanidade pública saen á rúa en defensa dos seus dereitos

A frota do cerco maniféstase na mañá do domingo en Compostela para reclamar un reparto “xusto” e “lineal” das cotas. Ao mesmo tempo, mais en Vigo, terá lugar unha marcha a pé en defensa da sanidade pública.

Galiza acollerá dúas importantes mobilizacións este domingo: por un reparto xusto das cotas na frota do cerco e por unha sanidade pública. Os mariñeiros, convocados por Acerga, sairán ás 11h do Obradoiro, percorrerán as rúas da cidade e rematarán o protesto diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza en San Caetano, onde os armadores de todo o país manteñen unha acampada reivindicativa.

Mentres a frota continúa amarrada nos portos, veciñanza e responsábeis políticos sumaranse á manifestación coa que os armadores e mariñeiros reclaman acabar co sistema actual de reparto, baseado nas capturas históricas, e pasar a un sistema lineal e por tripulando, un modelo este último que os mariñeiros e armadores consideran “xusto”.

Pola outra banda, tamén na mañá do domingo terá lugar unha marcha a pé a Vigo en defensa da sanidade pública. Convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi, o protesto, de carácter lúdico-festivo, eríxese como unha chamada de atención aos recortes e medidas de copago que o Goberno do PP aplica no novo hospital de Vigo.

A marcha, que parte ás 11h da Praza de América e que rematará no Álvaro Cunqueiro, reivindicará un hospital 100% público.

Acto da Mesa pola Normalización Lingüística en Cee

Ademais, ás 12h, diante do Concello de Cee, terá lugar un acto en defensa da ordenanza de promoción do uso de galego.

Coa concentración deste domingo, a Mesa comeza unha campaña de difusión do contido deste regulamento co obxectivo de “enfrontar prexuízos e de desmentir falsidades que o único que pretenden é que o galego volte á alegalidade e á exclusión da vida pública”.