AS MULLERES TOMAN O RELEVO

O cerco levanta o campamento co anuncio de máis mobilizacións

O sector do certo realizou na mañá do domingo un acto como colofón ao campamento que durante tres meses se erixiu ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Falamos con Lucía Olveira, portavoz das mulleres do cerco.

Na mañá do domingo o sector do cerco citouse en San Caetano para realizar un acto con motivo do levantamento da acampada reivindicativa que mantiña desde había tres meses ao pé do edificio administrativo da Xunta para reclamar xustiza no reparto das cotas.

Precisamente, mañá, segunda feira (25 de xaneiro) os mariñeiros volven ao mar para tratar de vivir da pesca. Iso non significa que rematen as mobilizacións. Todo o contrario. Agora son as mulleres do cerco quen se poñen á fronte dos protestos para “culminar cunha vitoria a batalla que comezaron os homes”, explica en declaracións a Sermos Galiza Lucía Olveira, mariscadora da praia de Noia e armadora dun barco do cerco con base en Portosín.

Lucía foi quen se encargou de darlles voz ás mulleres afectadas pola loita do sector. Foi ela quen leu o manifesto que lle puxo o punto final ao campamento. “Conseguir un reparto xusto e equitativo é unha tarefa ardua e complexa que levará algún tempo conseguir. Debemos recordar que estamos na fase preliminar nunha das grandes batallas da xente do mar”, sinalou.

Lucía Olveira: "Actuamos con contundencia e firmeza e listas para gañar as batallas que temos por diante até que, por fin, poidamos conseguir a vitoria"

“Actuamos con contundencia e firmeza e listas para gañar as batallas que temos por diante até que, por fin, poidamos conseguir a vitoria”, salientou esta mariscadora e armadora, quen nos revelou que nos próximos meses as mulleres do cerco recollerán sinaturas en defensa do sector ao longo da Galiza, presentarán cartas escritas por elas mesmas nos rexistros da Xunta e continuarán loitando por acadar o que consideran “xusto”, un reparto equitativo das cotas.

“Moitos preguntades que queredes? Queremos traballar no mar, vivir e coidar o mar. Iso é o que queremos. Cal foi o obxectivo da acampada? Xustiza, a toda costa, a pesar dun goberno que elabora leis que benefician unha minoría fronte a unha maioría”, expuxo a armadora. “Sen xustiza non haberá supervivencia. Se nos rendemos e baixamos os brazos fronte as políticas que nos asoballan, acabaremos sendo a nada”, engadiu Lucía Olveira.

No manifesto, as mulleres tiveron palabras para “todos os que nos apoiastes ao longo destes meses de reivindicación”. “Necesitamos que nos sigades apoiando. Non temos moito que ofrecer agás o sangue, o esforzo, o suor e as bágoas, amais da promesa de que nos ergueremos en primeira liña cando necesitemos de vós”, afirmaron.

As mulleres do cerco aos mariñeiros: "Seremos a vosa voz e o voso alento, os vosos pasos ao camiñar"

Os armadores tamén foron destinatarios das palabras das mulleres do cerco, “os tres meses que pasastes aquí tirados e abandonados de toda esperanza non foron en van. Imos loitar por todos vós. Seremos a vosa voz e o voso alento, os vosos pasos ao camiñar”, remataron, emocionadas.

Os mariñeiros continuarán a loita nos tribunais

O presidente da Asociación do Cerco de Galiza (ACERGA), José Blanco, insistiu en declaracións aos medios que o levantamento do campamento non significa que os mariñeiros se retiren da loita. “Continuarémola nos tribunais, nos despachos dos políticos e a través de manifestacións”, afirmou.

Ao acto de levantamento da acampada asistiron centos de persoas, entre os que se atopaban representantes políticos do PSOE, BNG, AGE e de Compromiso por Galicia, amais da CIG.