A cepa británica da Covid, máis perigosa e contaxiosa, xa está aquí

Dose da vacina de Pfizer, cuxa efectividade non se vería afectada pola cepa británica (Foto: Europa Press).
Un informe do Ministerio de Sanidade reflicte un "incremento importante" desta variante no Estado

O Ministerio de Sanidade fixo público esta terza feira un informe de avaliación do risco das variantes do coronavirus que están a circular polo Estado español.

Neste documento, confírmase a presenza da coñecida como cepa británica (VOC B.1.1.7) cun "incremento moi importante" nas últimas semanas, tanto no conxunto do Estado como nalgúns territorios.

Polo de agora, na Galiza só se clasificaron como cepa británica sete casos de coronavirus, mais están baixo sospeita outros contaxios que tamén poderían estar vencellados.

Maior propagación

"Esta variante implica un maior risco de transmisión que podería condicionar un aumento da incidencia de casos da Covid-19", expón o informe do Ministerio. As persoas infectadas por esta cepa, segundo estudos recentes publicados polo Reino Unido, terían máis posibilidades de padecer unha "enfermidade grave" derivada do contaxio deste virus.

Así mesmo, o informe asegura que xa se está a producir no Estado a "transmisión secundaria" desta variante, isto é, que as persoas que deron positivo non foron contaxiadas por cidadáns británicos ou que tivesen visitado ese país, senón que contraeron o virus a través de "casos autóctonos" dentro do Estado.

"O impacto podería ser moi alto, xa que a variante pode ocasionar un aumento na taxa de hospitalizacións e de letalidade, tanto pola maior taxa de incidencia como pola aparente maior gravidade", advirten desde Sanidade. Porén, a día de hoxe ese risco é "baixo" segundo os datos actuais. Tampouco se contempla aínda a posibilidade de que esta cepa reduza a efectividade da vacina.

Noutra orde, o informe tamén evidencia a existencia da variante surafricana (501Y.V2) no Estado español, "nunha persoa con antecedentes de viaxe" a este país. Non hai constancia, polo de agora, de casos das cepas xaponesa e brasileira.