Un ceo de paraugas embelece Lalín

Imaxe da rúa Colón, de Lalín, cos paraugas

Os paraugas están de moda en Lalín. A Concellaría de Turismo vén de instalar un ceo de paraugas multicores na rúa Colón para facela máis atractiva e para dinamizar comercial e socialmente a vila.

Os paraugas como instalación multicor nas rúas é tendencia. En lugares como Belgrado (Serbia), Águeda (Portugal), Bath (Reino Unido), Getafe ou Valdepeñas (España), Alacant (País Valenciá), Fuzhou (China) ou Bos Aires (Arxentina) arrasaron. A moda chega a Lalín da man da Concellaría de Turismo, que cubriu este sábado a rúa Colón con ducias de paraugas decorativos que forman un gran parasol.

 

A iniciativa do departamento que dirixe Francisco Vilariño ten como obxectivos embelecer a rúa dunha maneira visual, orixinal e divertida; facela un espazo máis atractivo para potenciar a chegada de visitantes e dinamizar a actividade social e comercial da vila.

 

En declaracións aos medios, o concelleiro nacionalista dixo estar seguro de que a instalación –que foi protagonista de centos de fotografías nesta fin de semana– será exitosa e actuará como un reclamo para turismo e veciñas e veciños.

 

“A proposta repercutirá positivamente no comercio e na hostalería desa e doutras rúas e, polo tanto, contribuirá a sumar un factor máis na potenciación económica do municipio”, asegurou Vilariño, quen indicou que "estas son as datas máis propicias para colocar a estrutura de paraugas, non só porque protexerán a rúa do sol durante a época estival, senón porque permanecerán até finais de setembro e será un elemento máis de dinamización durante as festas das Dores”.