Illa descarta o confinamento domiciliario e abre a porta a revisar o toque de recoller

SAlvador Illa (Foto: R. Rubio / Europa Press)
O ministro de Sanidade asegura que, malia o recorte na subministración de doses da vacina anunciado por Pfizer de cara a semana que vén, a inoculación das persoas que recibiron a primeira está garantida.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou este sábado que, aínda que o estado de alarma permite toques de recoller entre as 22 e as 7 horas, está aberto a modificalo para dobregar a curva de contaxios de Covid-19. "Se hai que revisar esta franxa horaria ímolo facer falando con todo o mundo" asegurou, co obxectivo de garantir a cobertura legal de todas as medidas que se adopten.

Illa compareceu ante os medios desde a Delegación do Goberno en Barcelona, para avaliar a situación actual da pandemia, a marcha da estratexia de vacinación e os pasos a seguir para rebaixar a incidencia do coronavirus.

Neste sentido, o ministro de Sanidade asegurou que as cifras da terceira vaga da pandemia son "moi preocupantes", cunha incidencia acumulada a 14 días de 575 casos por cada 100.000 habitantes e a presión hospitalaria en aumento, dixo.

Sobre a posibilidade de decretar outro confinamento domiciliario polo incremento de casos de Covid-19, afirmou que é unha opción que o Goberno estatal "non contempla" ao tempo que defendeu a utilidade da cogobernanza e do estado de alarma para dobregar a curva actual.

"Pensamos que cos instrumentos que temos a disposición, os previstos no estado de alarma, é suficiente para dobregar esta terceira onda", como se fixo coa segunda, e destacou que tras aplicar medidas hai que esperar algúns días para ver o seu efecto.

Estratexia de vacinación

En canto á estratexia de vacinación, Salvador Illa dixo que "funciona" e salientou que o ritmo de vacinación é "óptimo". Segundo revelou, España é o noveno país do mundo con mellores porcentaxes de inoculación e un dos primeiros da Unión Europea.

Asegurou que a curto prazo o obxectivo é "ter máis persoas vacinadas que contaxiadas" e fixou como meta alcanzar 70% da poboación vacinada nos meses de verán.

Nos próximos días anunciou que definirán os novos grupos diana obxecto da campaña de vacinación fronte ao coronavirus e advertiu que malia o anuncio de Pfizer, que a semana que vén vai entregar menos doses das comprometidas -só 56% das que contaban recibir os territorios-, "todas as persoas que recibiron a primeira vacina teñen asegurada a segunda dose" que comeza a dispensarse de forma xenérica a vindeira segunda feira, día 18.