Tres centros de saúde da área de Pontevedra e O Salnés, de novo sen persoal médico

PAC de Baltar. (Foto: Concello de Sanxenxo)
Proseguen as críticas pola falta de recursos na atención primaria.

Os centros de saúde do Grove, Baltar (Sanxenxo) e A Parda (Pontevedra) volveron quedar sen médicos este domingo, segundo denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego Montse Prado e confirmou persoal médico.

Así, estes tres puntos de atención continuada (PAC) mantivéronse abertos, mais sen doutores e doutoras que puidesen atender as posíbeis incidencias, polo que as e os pacientes serían derivados ao Hospital de Montecelo, na cidade de Pontevedra.

Non é a primeira vez que se denuncian este tipo de situacións nos ambulatorios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. No caso concreto do centro de saúde de Baltar, a partir do 16 de agosto e no que restaba de mes non se admitiron máis citas alén das previstas por mor da falta de persoal.

E ás portas deste mesmo PAC faleceu poucos días despois unha muller á que, segundo consta na denuncia presentada pola súa parella sentimental, se lle denegou a asistencia dunha ambulancia cando a solicitou.

Moi perto de alí, en Moaña, a veciñanza encadea 40 semanas consecutivas de mobilizacións na defensa da sanidade pública debido ás múltiples eivas que presenta o servizo de atención primaria.

Recollida de sinaturas por unha ILP

Namentres, continúa a recollida de sinaturas emprendida por SOS Sanidade Pública para impulsar no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular (ILP) contra o "desmantelamento" da Primaria.

Este sábado foi a quenda da Guarda, onde a plataforma local en defensa do sistema público de saúde informou de que seguirá a recoller sinaturas nos próximos meses co obxectivo de que "os responsábeis desta situación perciban con claridade o clamor social existente" diante dunha situación que cualifican como "dramática".