Os recortes converten os centros de día en ''aparcadoiros'' de persoas dependentes

A consellaría de Benestar desmantelou o servizo de atención a pacientes con algún tipo de dependencia, reducindo as prestacións ao asistencialismo. Nesta liña encádrase a última denuncia do comité de empresa: usuari@s con diversidade funcional ''encerradas e amoreadas'' nas instalacións dun centro da Coruña, namentres o complexo dispón de edificios pechados sen motivo

Co argumento da "urxencia económica" como pano de fondo, a Xunta de Galiza gobernada polo PP saíu máis dunha vez en defensa dos recortes nos servizos sociais executados desde Madrid, chegando a sinalar aqueles como "a mellor opción" para conquerir "un estado do Benestar viábel". Mais tal opción o que fixo foi ir abrindo a gabia en que soterrar os dereitos sociais, reducidos "ao asistencialismo" e facendo deles "un luxo privado".

Nesa liña encádrase a denuncia que o comité de empresa da consellaría de Benestar vén de facer pública, informando da "pasividade de falta de interese" da Xunta respecto das persoas usuarias do centro de atención a persoas con diversidade funcional da Coruña. A prestación de servizos freouse, até facer do centro "un aparcadoiro". Sinala o comité nun comunicado de prensa que as obras de reforma que se están a facer nas instalacións deixaron ao descuberto o desleixo do PP, quen fixo oídos xordos da proposta de transladar @s usuari@s a calquera dos edificios de que dispón o complexo, "en condicións de ser usados e neste momento pechados sen razón ningunha".

Encerradas, amoreadas, aparcadas
Nestas circunstancias, nin as persoas reciben a atención que demandan, nin o cadro de persoal pode traballar "en condicións óptimas de saúde e seguridade". O "encerro" ao que se ven avocad@s impide que se realicen as actividades programadas, orientadas cara o reforzo de habilidades. O resultado son persoas "amoreadas" ou "aparcadas" en pouco espazo "e co perigo de provocar situacións de nerviosismo" que desemboquen "en situacións conflitivas", informan desde o comité de empresa. Cabe lembrar que se trata de persoas de entre os 16 e os 59 anos, todas afectadas dunha discapacidade intelectual severa.

Namentres @s profesionais desenvolven as actividades no patio, á intemperie e entre o ir e vir dos vehículos de obra --co risco que isto carrexa para @s usuari@s, moit@s das cales non teñen conciencia do perigo--, o ximnasio e outras dependencias do centro son empregadas como trasteiro, segundo denuncia o comité de empresa dos centros de Benestar.

As preferencias: máis dun millón para o centro Nuestra señora de Fátima y Cristo Rey
No seu comunicado quéixanse tamén da cobertura de baixas, vacantes e vacacións, pois hai servizos que non se prestan durante o periodo vacacional d@ traballador ou traballadora, como fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía ou traballo social. Por todos os feitos descritos, o comité solicitou unha reunión co director do centro o 14 de setembro. Aínda non recibiron resposta.

Na Xunta din que non hai cartos para o público. Porén, nos convenios do primeiro cuadrimestre do ano deixaron claro por que atención apostan ao entregar 1.038.441,60€ ao centro residencial asistencial Nuestra señora de Fátima y Cristo Rey, namentres naqueles centros que dependen da consellaría de Benestar a folla de ruta non contempla a estimulación nin a aprendizaxe, focando as prestacións na mera cobertura de necesidades básicas.