CONCENTRACIóN DA CIG

Os centros de atención a persoas con discapacidade reclaman un novo convenio

CIG e centros reclamaron as melloras perante a Consellería de política social. Foto: Irene Pin

A CIG ensino e os centros de atención a persoas con discapacidade reuníronse esta mañá diante da Consellería de política social para reclamaren un novo convenio para o sector que garanta o incremento das partidas orzamentarias, que reduza os prazos de aboamento das mesmas e no que a Xunta de Galiza asuma a xestión destes centros na súa totalidade. Vídeo no interior

A manifestación tivo lugar ás 11.15 horas da mañá desta cuarta feira. Alí, Anxo Louzao, o secretario xeral da CIG ensino, atendeu a Sermos Galiza  para reclamar unha reunión co conselleiro de política social, José Manuel Rey Varela, que segundo a CIG foi reclamada hai máis de tres meses e segue, a día de hoxe, desatendida.

"Queremos que os centros que atenden a persoas discapacitadas sexan xestionado, na súa totalidade, pola Xunta de Galiza"

“Moitos dos centros que atenden a discapacitados dependen de concertos, nós queremos que todos sexan xestionados na súa totalidade pola Xunta de Galiza”, afirmaba Louzao que tamén reclamou un convenio galego que regule a situación destes centros, como contrapartida ao actual XIV Convenio Estatal de Centros de Atención a Persoas con Discapacidade que, dende CIG, ven como lesivo para as condicións laborais dos traballadores dos centros. Louzao demandou: “Unhas subvencións suficientes para dar un servizo público de calidade”, ao tempo que criticou os recortes que están a sufrir a xeito de retrasos nos prazos do aboamento das mesmas.

As accións sindicais para conseguir que as súas demandas fructifiquen, xiran en torno a conseguir unha entrevista co conselleiro de política social, unha reunión coas patronais do sector e facer entrega, no día de hoxe, da recollida de firmas dos traballadores das que se axudarán para poder esixir a dita reunión co conselleiro. Louzao afirmou que: "Do contrario teremos que estudar as vindeiras accións", debido á sensación de desprezo que sinten ao non seren atendidos.