Sanidade pública

A veciñanza de Parga quedará en agosto sen atención sanitaria

Á esquerda, cartaz pendurado hoxe no centro de saúde de Parga; á dereita, manifestación o pasado ano na defensa da atención primaria na localidade.
O Sergas deriva o servizo a Guitiriz por falta de persoal no período estival.

Chega o verán e, máis unha vez, sucédense os avisos de fechamento de centros de saúde por todo o país. Esta sexta feira foi a quenda de Parga, en Guitiriz (Terra Chá), en cuxo ambulatorio apareceu pendurado, na porta de entrada, un cartaz que alerta de que ficará fechado ao público durante todo o mes de agosto. As consultas faranse no centro de Guitiriz, a varios quilómetros de distancia.

Desde a asociación 'Parga non se divide' exixen á Xerencia da área sanitaria de Lugo que dea marcha atrás e reverta unha medida que consideran "unha nova tomadura de pelo á cidadanía de Parga, sen xustificación algunha, que nos deixa sen atención sanitaria durante o mes de agosto, no que aumenta a poboación e a actividade e, polo tanto, a demanda de atención".

Lamentan, aliás, que a veciñanza tivese que enterarse "por unha nota colgada na porta por parte dos traballadores que non ofrece ningunha explicación". E, mentres, censuran, "a Xerencia do Sergas e os seus responsábeis políticos do PP agochan decisións políticas de recortes sanitario coma meras incidencias administrativas e de persoal".

O colectivo salienta que a dotación de persoal sanitario para reforzar períodos de maior intensidade asistencial ou para cubrir baixas ou vacacións "depende directamente de decisións políticas, adoptadas nos despachos do Sergas e da Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza". Unhas decisións, afirman, que nos últimos anos "ían encamiñadas a unha redución sistemática que en Parga nos afectou durante a pandemia e que non se corrixiu ao rematar esta como se prometeu, se non que se vé agravada".

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a pandemia, "que nunca se cumpriu totalmente porque tanto a enfermaría coma a atención médica só se cubren de xeito parcial", é dicir, "dous días cada un dos médicos e catro no caso de enfermaría, cando antes da Covid tiñamos dous médicos e unha enfermeira a tempo completo os cinco días da semana", rematan.


Servizo pediátrico de Forcarei

Unha situación semellante é a que denuncia a veciñanza de Forcarei, que comparte servizo de Pediatría con Cerdedo-Cotobade. Alí a pediatra titular, censuran, "está de vacacións, pero en breve se marcha, e cabe a posibilidade de que non se cubra esa vacante en moito tempo, pois xa vimos denunciando dende a nosa constitución que o servizo de Pediatría de Forcarei é precario e insuficiente porque non se cubrían nin se están a cubrir as baixas da titular, estando todo o período vacacional, por exemplo, sen substituta".