O centro de saúde de Guitiriz perdeu tres dos seus cinco médicos desde a pandemia

Consultorio de Parga, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Páxinas Galegas)

O grupo local socialista denuncia que o ambulatorio carece do persoal suficiente para atender á poboación. Ademais, incide na necesidade de reabrir o consultorio de Parga, unha demanda de vello da veciñanza.

O PSOE leva hoxe ao pleno municipal de Guitiriz unha moción para que se inste ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a enviar persoal sanitario suficiente aos centros de saúde da vila.

Este intento de mellorar a calidade asistencial da sanidade no municipio xurde após comprobar que, supostamente, o servizo “está a ser deficiente”.

En concreto, os socialistas avisan de que o cadro de persoal do ambulatorio é reducido. Segundo a súa versión, desde que comezou a pandemia da Covid-19 o número de médicas pasou de cinco a dous e o certo é que só unha das prazas está ocupada en titularidade.

Ao fechar en Parga, non se desprazou ese persoal a Guitiriz, onde só atenden dúas persoas. “Nas últimas semanas están dándose situacións que provocan que os sanitarios teñan que desempeñar o seu traballo nunhas condicións nefastas para eles e para veciños e veciñas”, lamentan.

En relación a esta falta de recursos, consideran que é necesario reabrir o consultorio do lugar de Parga -fechado pola pandemia-, pois alí se atendía a un bo número de veciñas e veciños.

Ademais, a protesta partiu das propias usuarias no seu día como se pode observar na imaxe, onde habitantes do concello colgaran protestas xunto ao edificio que albergaba o espazo sanitario.

Chegou a existir un compromiso da Consellaría de Sanidade, mais un ano despois non houbo ningún movemento ao respecto. Esta situación volve revelar os problemas polos que está a pasar a Atención Primaria, aos que se sumou a carga derivada da pandemia.