O centro de saúde do Porriño fecha pola tarde ante a falta de médicos
A CIG-Saúde denunciou a ausencia de persoal médico de familia no centro de saúde do Porriño (comarca de Vigo) durante a quenda de tarde desta quinta feira, que obrigou aos doentes a ser derivados ao Punto de Atención Continuada (PAC) da localidade, encargado de atender as urxencias do Porriño, Mos e Salceda (comarca de Vigo).
Unha das facultativas do PAC explicou a Nós Diario que á súa chegada o traballo ás 15 horas foi informada da situación por un cartel pegado na porta do centro de saúde, "sen ningún aviso" do Sergas. A doutora alertou de que a situación provoca que haxa "só dúas médicas para 46.000 pacientes", subliñando que a "quenda de tarde desde hai moitos anos nunca tivo os seis médicos que lle corresponde". Unha situación que como apuntou "ten moito risco para a poboación", posto que "nós soas non podemos asumir todos os pacientes e temos 10.000 persoas do Porriño que non teñen garantida a súa asistencia sanitaria na Atención Primaria". Como afirmou a médica, o "Sergas coñece a situación e non fai nada".
A CIG alertou que a Consellaría de Sanidade a pesar de coñecer a situación "o PAC non foi reforzado", ao tempo que fixeron fincapé en que "este tipo de situacións non se poden normalizar, por respecto á seguridade dos pacientes da comarca da Louriña e das propias traballadoras que asumen esta sobrecarga nun centro que xa requiriría maior dotación de persoal polo elevado número de asistencias habituais"
Na xornada dsta quinta feira, este xornal solicitou información sobre a situación á Consellaría de Sanidade, a cal apuntou que "o centro de saúde do Porriño permanece aberto en xornada de tarde"; posto que, "hai un PAC desde as 15 horas prestando asistencia". Desde a Consellaría avanzaron que "durante dous días á semana, a actividade ordinaria na xornada de tarde será asumida na xornada de mañá".
O Courel sen médicos
Esta quinta feira, Courel Vivo denunciou que o centro de saúde de Folgoso (comarca de Quiroga) estivo varias horas sen atención médica; posto que, a única doutora no centro "atopouse con dúas urxencias simultáneas en dous centros distintos", alertando das "carencias" sanitarias na zona.