Sanidade pública

Sen médico en Covelo... e sen ambulancia para trasladalo a Ponteareas: "Din que me busque a vida, que colla un taxi"

Cartaz pendurado ás portas do centro de saúde de Covelo. (Foto: Nós Diario)
Un paciente denuncia a falta de persoal no ambulatorio de Covelo e a ausencia de alternativas para atendelo en Ponteareas, dado que non pode conducir.

"Hoy en este centro de salud no hay médico". Unha mensaxe que, por habitual, non deixa de resultar sorprendente para as veciñas e veciños de diferentes vilas do país que sofren en primeira persoa a falta de recursos na atención primaria, unha das principais patas do sistema sanitario. Esta cuarta feira foi o ambulatorio de Covelo, na comarca da Paradanta, o que amenceu con esta advertencia.

E un paciente relata o sucedido: "Estou no centro de saúde sen poder conducir por unha dor no xeonllo que non me permite case camiñar. Indícanme que non haberá médico en Covelo até a segunda feira, que teño que desprazarme ao PAC de Ponteareas", lamenta.

Mais o centro de saúde de Ponteareas fica a uns 20 quilómetros de distancia do de Covelo, e esta persoa, mancada, afirma que non pode coller o vehículo. A solución que lle dan é que contacte co 061 para pedir unha ambulancia... mais o resultado, di, non foi o agardado.

"No 061 manifiestan que non van mobilizar unha ambulancia para desprazarme, que chame un taxi. Solución, que me busque a vida", censura este veciño.