O centro de saúde de Vedra, nunha situación límite: "Literalmente está caendo a cachos"

Aspecto no que se atopa actualmente o centro de saúde de Vedra. (Foto: CCOO)
Por outra parte, persoal médico do Chuac mobilízase por mor do "alarmante" déficit de persoal: "Os pacientes permanecen amoreados durante horas en salas de espera".

A federación de Sanidade de Comisións Obreiras na Galiza vén de alertar da "situación límite" que está a padecer na actualidade o centro de saúde de Vedra. "Literalmente está caendo a cachos", sinala o sindicato, nun comunicado remitido aos medios no que adxunta diferentes fotografías que evidencian o precario estado do edificio.

As humidades, precisan, están a deteriorar a estrutura, derivando mesmo en "desprendementos de cornixas". Porén, afirman que os problemas "van máis aló": "Apagóns por curtocircuítos, fugas de auga que obrigan a cubrir os baños con toallas ou a falta de accesos para persoas con mobilidade reducida", denuncian, citando algunhas das principais problemáticas.

De feito, indica CCOO, a propia sala de exploración do centro de saúde "ten risco de desprendemento" por mor da "falta de mantemento e conservación" deste recinto. "Todo isto —prosegue—, xunto co reducido espazo, provoca que actividades como a preparación ao parto se fagan en instalacións afastadas do centro de saúde".

Mais alén do estado do edificio, desde o sindicato advirten que o persoal sanitario está a verse obrigado a se desprazar desde os centros de saúde de Vedra e Boqueixón, "durante curtos períodos de tempo", até o consultorio de Lestedo, neste último municipio.

"Esta decisión provoca que nin se resolva a demanda asistencial en Lestedo, nin se atenda axeitadamente as persoas usuarias de Boqueixón e de Vedra. O único que consegue é sobrecargar o persoal que debe cubrir as ausencias que se producen nos respectivos centros de saúde", lamenta CCOO.

Protestas no Chuac pola falta de persoal

Por outra parte, a Comisión de Centro do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac) convocou esta sexta feira unha concentración para denunciar un déficit "alarmante" de persoal, especialmente de celadores e técnicos de imaxe para a diagnose en raios de Urxencias. "Se a situación continúa igual seguiremos coas protestas", manifestou a presidenta da comisión, Lucía Peón, quen asegurou tamén que os pacientes "permanecen amoreados durante horas en salas de espera por non dispor de persoal suficiente que poida facer eses traslados".

Peón cualificou de "denigrante" que calquera persoa teña que estar nun corredor agardando a realización dunha proba ou a que sexa trasladada ao servizo de Urxencias, e engadiu que este atraso "incide directamente nas altas que se dan de Urxencias ou nos traslados a outras zonas do hospital".

A respecto da postura da Xerencia, Peón asegurou que foi o órgano de representación dos traballadores o que tivo que "forzar" o diálogo. "Nin sequera tivo [a Xerencia] a dignidade de convocarnos en ningún momento e non puxo nada de nada enriba da mesa, só intencións", criticou.

A Xerencia do Chuac defende a súa xestión

Desde a Xerencia defenden que todas as categorías profesionais están hoxe cubertas "a 100%" e que, "de acordo coas valoracións das cargas asistenciais, están a reforzarse as áreas de taballo e postos con maior actividade". "A calidade da atención dada aos pacientes que ingresan no hospital, está fóra de toda dúbida", engaden. Con todo, o persoal mantén as protestas e convoca unha nova mobilización para a próxima sexta feira, día 18, ao tempo que reprocha a "desagradábel represión policial", con "empurróns", durante as protestas desta xornada.