O centro San Francisco exixe solucións á conselleira de Benestar

Concentración San Francisco

Centos de persoas concentráronse ás portas do Parlamento para demandar o mantemento do centro de atención especial. 

 

Estudantes, familiares e traballador@s do centro San Francisco de Vigo manifestáronse esta cuarta feira (29 de outubro) ás portas do Pazo do Hórreo coincidindo coa comparecencia da conselleira de Traballo e Benestar, Betriz Mato. Xunto a centos de integrantes da Asociación Galega San Francisco (Agasfra), reclamaron unha "solución" para o futuro deste espazo que acolle a 73 persoas con diversidade funcional desde 1969. 

O ruxir das buguinas das furgonetas desprazadas até a capital galega --que atrancaron o tránsito durante máis dúas horas-- mesturouse coas denuncias e proclamas que corearon as manifestantes. Exixen que a Xunta de Galiza paralice o proceso de privatización do centro a cuxo concurso público concorreu a Residencia Doral. Unha empresa privada que obtivo a mellor puntuación e que se fará coa xestión de San Francisco se a Consellaría de Traballo non o frea antes. 

Desde a Asociación levan tempo alertando das consecuencias que carrexará para @s utentes do centro que son, din tratad@s como "mercadorías". Neste senso, xa congregaron máis dun milleiro de persoas a comezos de outubro na cidade olívica cunha manifestación que percorreu as rúas viguesas e coa que demandan o mantemento destas instalacións, "unha segunda casa", afirman, para as persoas que as empregan. 

Até o de agora o centro San Francisco viña sendo xestionado pola propia asociación, integrada por familiares, que financiaban através dunha subvención pública este servizo. Porén, no mes de agosto e sen previo aviso, a Xunta cancelou a axuda e sacou a concurso público o centro. 

Asemade, este feito non garante que se manteñan os postos de traballo que actualmente crea a escola.