O novo centro comercial de Vigo, inaugurado hai escasas semanas, perde a loita contra as choivas

Captura dun vídeo no que se ve a zona exterior do centro comercial. (Fotos: Jesús Roca)
Usuarias e usuarios deste novo parque comercial situado en Vigo contan a través das redes sociais que as precipitacións causaron estragos en partes da infraestrutura como teitos de cristal. De feito, malia que as imaxes compartidas teñen baixa calidade, pódese ver algunha pingueira de auga ao interior da instalación.

As intensas chuvias e o vento da última noite en Vigo causaron estragos nalgúns elementos da cidade tales como o alumeado ornamental para Nadal instalado en Torrecedeira.

No entanto, quizais o que máis chamou a atención de moitas cidadás foi o efecto que este temporal tivo no novo centro comercial olívico, que vén de ser inaugurado hai escasas semanas.

A través das redes sociais e das plataformas de mensaxería instantánea correron vídeos amosando que a contorna da infraestrutura padeceu pequenas inundacións.

Así mesmo, nalgunhas zonas as precipitacións foron quen de gañarlle terreo aos teitos de cristal para deixar pasar as pingueiras, deixando varias pozas de auga no interior do parque comercial que está practicamente novo.

Este lugar que vén de converterse nun dos máis frecuentados destas semanas en Vigo, xa non presenta o aspecto que lle gustaría a parte da clientela.

Polo que parece, as causadas polas últimas choivas non foron as únicas eivas atopadas.

"Hoxe estiven no Vialia Vigo e paréceme un despropósito", dicía en Twitter un usuario, que enumeraba os problemas no seu chío: "Pingueiras por todas partes, teitos soltos...".

Á vista do deterioro acelerado do centro comercial, outro tuiteiro reflexionaba: "No canto dun mes semella que ten 10 anos, todas as lousas rotas e levantadas...".

Non é a primeira queixa que causa esta instalación a través das plataformas sociais, pero con anterioridade foron ligadas ao incorrecto uso do galego.