Centos de voluntarios embárcanse esta fin de semana nunha limpeza de ríos en 44 concellos de Galiza

Unha das accións de limpeza nos ríos que se realizou o ano pasado.

'Móllate polos ríos' chega á súa IX edición. Participan 56 entidades e colectivos.

Este domingo decorrerá a IX edición de 'Móllate polos ríos', unha iniciativa de Adega promovida e financiada por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, e que ano tras ano reúne centos de persoas voluntarias. Terá lugar en 44 concellos de toda Galiza e participarán 56 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos que organizan directamente esta actividade. Se queres saber máis desta limpeza simultánea, toda a información tela aquí. 

O que se procura con esta iniciativa é limpar os cursos fluviais ao tempo que se dá a coñecer o importante papel dos ríos, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

Na edición de 2015 mobilizáronse máis de 600 persoas en 45 concellos de Galiza. Máis de 13 toneladas de lixo foron retiradas de ríos e regatos do país no marco desta acción. “Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, colchóns, altofalantes, baterías de coche, pilas e os electrodomésticos tampouco faltaron. Apareceu tamén algunha uralita, roupa, calzado...”, informaban naquela VIII edición.