Centos de veciños e veciñas de Bueu reclaman a volta do patrón retido no Iemen

Cartel na Casa do Concello de Boeu exixindo o regreso de Pablo Costas (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
A veciñanza de Bueu exixe o regreso de Pablo Costas, retido no Iemen desde hai once meses coa tripulación do 'Cobija', acusado de pesca ilegal.

Centos de veciños e veciñas de Bueu concentráronse este sábado ante a Casa Consistorial para demandar o regreso do capitán do pesqueiro 'Cobija', Pablo Costas, que se atopa retido en Iemen desde fai once meses acusado de pesca ilegal.

Unha situación que, en declaracións aos medios durante a concentración, definiu "secuestro" o irmán do afectado, Víctor Manuel Costas, que advertiu das "condicións precarias" nas que se atopa o mariñeiro de Bueu e a tripulación do barco, que recibiron o pasado xoves auga, alimentos, medicamentos e asistencia sanitaria despois de denunciar a súa situación.

"Estou preocupado e teño moito medo por se pode pasarlle algo e pola súa saúde. Non estarei tranquilo ata que non vexa ao meu irmán aquí", sinalou Víctor Manuel Costas.

Durante a concentración, familiares e achegados de Pablo Costas despregaron unha pancarta coa lema "Que volva Pablo" no balcón do concello. O alcalde da localidade, Félix Juncal, foi un dos asistentes á mobilización, organizada polo sindicato Central Unitaria de Traballadores (CUT), cuxo representante, Manuel Caamaño, asegurou que o mariñeiro galego reencontrarase cos seus familiares da parroquia de Meiro antes do 10 de setembro.

Loita e unidade

"Pablo ten que regresar e vai facelo pola nosa loita e pola unidade veciñal, obreira e popular", manifestou Caamaño, quen apelou ao respaldo social. "Os responsábeis teñen que sentir todos os días o noso alento no seu pescozo e saber que todos os veciños de Bueu e toda Galiza apóianlle", engadiu.

Caamaño reclamou unha "solución simultánea e igual" tanto para Pablo Costas como para o resto dos tripulantes do 'Cobija', formada por mariñeiros indonesios ─un dos cales se atopa "bastante mal" de saúde após o recente recoñecemento médico ao que foron sometidos─, namibios, senegaleses e un peruano.

"Todos son compañeiros", destacou o portavoz da CUT, que advertiu que "se non houbese ruído" interesándose pola súa situación, estarían "a se podrecer" no porto iemení de Al Mukallah.

Ademais de estar "a xogar coa vida dos traballadores" retidos en Iemen, Manuel Caamaño precisou que as autoridades dese país están "a acosar por centos de barcos" como o 'Cobija' "fóra das augas territoriais" e no ámbito da área representada pola Comisión para a Conservación dos Recursos Mariños Vivos do Antártico (CCAMLR, nas súas siglas en inglés).

O representante da CUT afirmou que a Administración australiana utiliza a organizacións "pseudo-ecoloxistas" como "pantalla para defender os recursos pesqueiros e a biodiversidade mentres están a destruír a barreira coralina do país, ademais con apoio do Goberno español".

BNG pide a mediación de Exteriores

Paralelamente, o deputado do BNG no Congreso Néstor Rego presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Ministerio de Exteriores que interceda par lograr o regreso de Costas a Galicia.

Segundo recolle un comunicado, Rego censurou a "inacción" das autoridades españolas, ás que acusa de limitarse a realizar "unhas chamadas telefónicas" nas que "recomendaron ao patrón que buscase pola súa conta un avogado e un tradutor".

Por tanto, reclama solucións para o galego e para o resto da tripulación, que, segundo o do BNG, ven abocados a "esperar impasibles" a celebración "dun novo e cuestionable xuízo nun país inmerso nun conflito bélico" que terá lugar "sen as mínimas garantías mesmo desde o punto de vista humanitario".