Centos de veciños do Rosal marchan cara A Guarda en defensa da sanidade pública

Marcha da veciñanza do Rosal cara A Guarda en defensa da sanidade pública. (Foto: Moncho Leal).

As protestas polo deterioro da Atención Primaria sucédense en toda a Galiza. Hoxe, centos de veciños do Rosal marcharon cara A Guarda para denunciar a situación da sanidade pública no seu concello.

A mobilización convocada na mañá de hoxe pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal partiu as 10:30 da praza do Calvario con destino á Guarda. A marcha contou coa presenza de centos de veciños do Rosal, que foron recibidos na entrada da Guarda por membros da plataforma sanitaria desta localidade.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, sinalou a Nós Diario desde a marcha que “o máis preocupante é que no último ano só contamos cun médico do centro de saúde para a máis de 6.000 habitantes”. Neste sentido, indicou que “o propio conselleiro de Sanidade recoñeceu que pola poboación correspondíamos catro médicos”.

Fernández valorou “moi positivamente a participación de tanta xente nesta mobilización, despois de levar tanto tempo nunha situación tan precaria, onde a Xunta non dá resposta nin solución as nosas demandas”. A este respecto, denunciou “a perda de servizos públicos no rural, mesmo nunha área como O Rosal que leva nos tres últimos anos gañando poboación de xeito moi importante”

Os obxectivos da protesta

A protesta pretendía denunciar a “a situación precaria da Atención Primaria do Rosal”. Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal convocou a mobilización “despois de meses de denuncias e protestas institucionais e cidadás sen resposta por parte da Consellaría de Sanidade”.

A entidade organizadora da marcha denunciou “unha cronificación da precariedade da atención sanitaria no concello, un servizo seriamente ameazado polas políticas de recortes e desmantelamento da Consellaría de Sanidade”.

A plataforma asegurou que “a poboación sofre importantes trabas e limitacións para acceder e ser atendida tanto nos centros de saúde como no PAC e nos servizos de pediatría de Atención Primaria, con listas de agarda de días ou semanas e consultas masificadas”.

A falla de persoal

A falla de persoal no centro de saúde do Rosal é evidente. Segundo a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, “nestes intres con conta con matrona e só hai unha médica en redución de xornada e prolongacións que está a facer principalmente o persoal do PAC da Guarda contratados para días concretos, sen unha cobertura uniforme do persoal médico para atender a 6.450 habitantes do municipio”.

O colectivo en defensa da sanidade pública crítica que a consulta de San Miguel de Tabagón continúa fechada, “o que satura aínda máis os servizos de Atención Primaria tanto no propio Rosal como na Guarda, pondo en perigo a saúde e a vida de todos os veciños e veciñas”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal advirte a Consellaría da Sanidade que continuará coas protestas ate que non se dea solución aos problemas da sanidade pública no concello.