Centos de profesionais do Sergas sofren agresións cada ano, mais só unha pequena parte chega a denunciarse
A cifra de profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas), tanto do eido sanitario como non sanitario, que sofren agresións nun ano pódese contar por centos, de acordo con datos oficiais e rexistros de organizacións sindicais e profesionais. Con todo, só unha pequena parte, unhas decenas, acaba en denuncia ou proceso xudicial.
O caso máis mediático dos últimos días foi o ocorrido o pasado 3 de febreiro nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac), onde un paciente de psiquiatría trasladado polo 061 acoitelou un enfermeiro, que estivo días ingresado, e a un garda de seguridade da empresa Prosegur.
Con todo, colexios profesionais, sindicatos e o propio Sergas coinciden en advertir que incidentes como este, aínda que non alcancen tal gravidade e queden en ataques verbais, son máis comúns do que transcende.
Un informe oficial do Sergas, referido ao ano 2023, cifra en 460 os incidentes rexistrados con 502 profesionais afectados. Supón un aumento con respecto a 2022, cando se produciron 405 episodios con 450 empregados agredidos.
Case dous de cada tres son agresións verbais, mentres que as restantes son físicas. Ademais, chama a atención o feito de que case 80% das vítimas, de acordo con estes datos do Sergas, sexan mulleres.
En canto ao perfil do agresor, adoita ser un home (60,93%), que é ou ben paciente (69,64%) ou ben un familiar (24,84%). Os lugares máis comúns onde ocorren os ataques son as habitacións de hospitalización (29,57%) e as consultas ou despachos (20,22%).
Denuncias e xuízos
Os centos de casos recollidos neste informe contrastan con outras cifras, tamén oficiais, sobre cantos destes episodios chegan a denunciarse, cantos chegan a xuízo e cantos reciben asistencia letrada do Sergas se é que así o reclama a vítima, tal e como marcan os protocolos.
Por exemplo, o último balance da Policía, tamén correspondente ao ano 2023, reflicte que na Galiza só se rexistraron 16 denuncias por agresións a profesionais do Sergas. Do mesmo modo, segundo datos ofrecidos pola Consellaría de Sanidade, durante 2024 un total de dez profesionais recibiron asistencia legal por parte da asesoría xurídica da Xunta da Galiza en sete procesos xudiciais debido a agresións físicas sufridas durante o desempeño da súa actividade profesional.
Destes procedementos, hai dous que xa están pendentes de sentenza e outros dous nos que se están practicando dilixencias. En canto aos tres restantes, un dos xuízos por un delito leve foi transformado a dilixencias previas, outro está pendente de decorrer e o último caso está en prazo de formularse acusación contra o agresor.
Protocolos do Sergas
O Sergas conta con diversos documentos, entre eles guías e plans de actuación que figuran na seu web, que estabelecen un protocolo para seguir nos seus centros e servizos cando se produce un episodio de agresión a unha persoa traballadora ou, como se denomina máis tecnicamente, violencia de orixe externa (VOE).
Un destes documentos garante que a Administración prestará á profesional afectada asistencia sanitaria, psicolóxica e xurídica. Mesmo se a vítima non quere presentar denuncia, o responsábel do centro tería o deber de trasladar o ocorrido á Fiscalía.
Trátase dun procedemento de actuación que data de novembro de 2015, hai algo máis de nove anos, e que é común para todo o Sergas. Tamén se deseñou en 2015 unha guía para que cada área elaborase o seu propio plan específico de prevención, así como a designación dun coordinador de violencia laboral en cada unha.
Ademais, hai unha lei galega de asistencia xurídica ao persoal da Administración Xeral do ano 2016, que inclúe ao persoal sanitario da sanidade pública mais non a persoal de servizos externalizados. Así pois, non se beneficia desta asistencia o vixiante de Prosegur ferido levemente o 3 de febreiro no Chuac.
A raíz do ocorrido neste servizo de urxencias, a Consellaría de Sanidade realiza "unha análise estrita do sucedido" para revisar protocolos e adoptar medidas para garantir a seguridade de pacientes e empregadas.
A primeira foi a habilitación dun segundo vixiante nas urxencias do Chuac, mais a xunta de persoal exixe máis medidas, incluída a dimisión do xerente da área sanitaria coruñesa, Luís Verde, porque leva "anos" advertindo da falta de seguridade.
Neste contexto, a Consellaría, máis aló de apelar ao respecto ao seu persoal por parte da cidadanía, promoverá reunións con institucións e colectivos co obxectivo de implementar accións para atallar estes episodios violentos, que "son intolerábeis".