Centos de persoas súmanse desde Galiza á demanda de “llibertat” para o Govern encarcerado

Concentracións en varias cidades e vilas contra  a aplicación do artigo 155 e en apoio e solidariedade para cos consellers presos.

Centos de persoas tomaron parte na noitiña desta sexta feira nas concentracións convocadas nas sete cidades galegas e tamén en localidades como Vilagarcía ou Redondela para pedir a liberdade dos membros do Govern catalá encarcerados por orde da Audiencia Nacional. A consigna de “llibertat presos politics” tamén foi recollida en Galiza, nunhas concentracións nas que se rexeitou o 155 e se defendeu o dereito do pobo catalán a  decidir o seu futuro.

Democracia e liberdade’ era un dos lemas das convocatorias, nas que tomaron parte representantes de diferentes organizacións políticas, como BNG, En Marea, Causa Galiza ou Agora Galiza, así como de forzas sindicais como CIG e CUT. “Liberdade presos políticos”, “Chámanlle xustiza e non o é”, “Estado español, estado policial” ou “Non temos medo” foron algunhas das consignas coreadas nas diferentes concentracións.

 

As concentracións máis concorridas foron as da Coruña e Compostela, con máis de 400 e 200 persoas en cada unha delas, segundo participantes nas mesmas. Ao final das concentracións procedeuse a ler un manifesto no que se defendeu o proceso impulsado polo pobo catalán e demandouse a liberdade dos dirixentes cataláns encarcerados.