O SERGAS DI HAI O 86% DAS CAMAS DISPOñíBEIS

Centos de persoas saen á rúa contra os recortes en sanidade

O hospital Abente y Lago sofre o feche dunha planta nos meses de verán

Compostela e A Coruña acolleron esta mañá dúas concentracións contra os recortes en sanidade, nomeadamente, en contra do feche de 1.200 camas nos hospitais públicos e contra a privatización da sanidade.

Persoas usuarias e profesionais da sanidade pública concentráronse esta mañá na praza do Toural de Compostela e no Obelisco da Coruña para protestar contra os tesoirazos en materia de sanidade. “Non ao feche das camas” e “Sanidade 100% pública” foron algunhas das consignas que proferiron as persoas manifestantes.

En declaracións recollidas por Europa Press, un membro da Coordinadora Antiprivatización da Sanidade Pública, José Miguel Rodríguez, criticou o feche de 1.200 camas durante o verán. Tamén advertiu de que a lista de espera dos hospitais galegos sitúa Galiza entre as autonomías “peor paradas”.

O Sergas asegura que ten o 86% das camas dispoñíbeis

O Sergas, pola súa banda, asegura nun comunicado que mantén operativas este verán o 86,12% do total das camas dispoñíbeis nos centros hospitalarios da rede pública galega, uns resultados, sinala, semellante ao de anos anteriores. Ademais, o Sergas, malia as numerosas denuncias sindicais, explica que a planificación das camas para a época estival faise "coa colaboración dos propios profesionais da sanidade".