Convocadas por UU AA

Centos de persoas saen á rúa en Compostela contra o abandono do rural

[Imaxes: UU AA]

Unións Agrarias xuntou centos de persoas na mañá do sábado en Compostela co fin de denunciar o “abandono” do rural por parte da Xunta de Galiza, á que acusou de anunciar axudas “que despois non chegan” ás traballadoras e traballadores do campo.

Pasadas as 12h partían da Alameda de Santiago de Compostela varios centos de persoas que, convocadas polo sindicato Unións Agrarias (UU AA) e precedidas de tractores, protestaron contra a falta de axudas para o campo e pola falta de resposta da Xunta a cuestións como o envellecemento e despoboación do rural e aos incendios.

 

Ao inicio da mobilización, na que participaron o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o portavoz parlamentar, Xoaquín Fernández Leiceaga, ou o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, o secretario xeral do sindicato, Roberto García, cargou contra Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, por “usar de coelliños de indias” os habitantes do rural “para mandarlle mensaxes á poboación urbana de que están dando cantidades de axudas”. Unhas axudas, engadiu, que “quedan en titulares de prensa”.

 

“Todas as quintas –día en que ten lugar o Consello da Xunta– vemos o presidente da Xunta anunciando millóns de euros que despois non chegan ao rural”, criticou o responsábel de Unións Agrarias, a quen secundou o Caballero, que lamentou as “políticas de inacción e incompetencia da dereita”.

 

Roberto García preguntouse onde queda a promesa de Feijóo ao inicio do actual mandato de que esta “sería a lexislatura do rural” e acusouno de perseguir o campo a través de inspeccións da cesión a fillas e fillos dos dereitos das fincas ou a colaboración na recollida da uva ou da pataca.

 

Após censurar o “desmantelamento dos servizos públicos”, que ao seu ver, dificulta a incorporación da xente moza ao rural, o secretario xeral de Unións Agrarias expuxo que a mellor maneira de combater os lumes forestais é incentivando a actividade no medio rural. Así equiparou agricultores e gandeiros con “devasas naturais”.

 

Resposta da Xunta

 

Cuestionado polos medios a respeito da mobilización de Unións Agrarias, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, puxo de manifesto que "se algo se fixo nestes anos é un esforzo especial [nas axudas ao sector agrogandeiro], porque nos xogamos moito". 

 

Engadiu que a Xunta dedicou "moitos millóns de euros" a "aspectos estruturais" vinculados co sector leiteiro xunto cun "traballo político para que haxa futuro neste sector".