Centos de persoas reclaman medicación rápida contra a hepatite C

Manifestación de afectados / BNG

Unha manifestación en Santiago que contou co apoio de BNG ou AGE xuntou a afectad@s pola enfermidade que criticou con dureza a Goberno central e Xunta “xa que está quedando xente polo camiño”.

 

Saíron desde a Avenida de Lugo e chegaron á Praza da Quintana, en Compostela, os centos de persoas que se manifestaron en demanda dunha medicación rápida para @s afectad@s pola hepatite C, aos que se lles negou desde o Estado a axuda para acceder aos remedios durante moito tempo, o que resultou letal para moitas persoas. 

"Quen teña hepatitis necesita a medicación", remarcou o portavoz en Ourense da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, Raúl Anión. "Non podemos esperar máis porque a xente estase quedando polo camiño", sentenciou este portavoz nunha marcha que tivo o apoio de todas as forzas da oposición parlamentar, entre elas o BNG e AGE. 

Na manifestación se berraron consignas moi duras contra o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, ou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera. Segundo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, “non se poden admitir máis mortos nunha sociedade civilizada sabendo que hai remedio”.