Sanidade

Centos de persoas reclaman en Lourenzá unha atención pediátrica "continuada e total"

Concentración este domingo en Lourenzá (Foto: Nós Diario).
Desde a Plataforma pola Sanidade da Mariña afirmaron que, até a pandemia, había un pediatra un día á semana en Lourenzá, pero o Covid-19 foi "a escusa perfecta" que tivo a Xunta da Galiza para "eliminar esa atención semanal".

Varios centos de persoas concentráronse este domingo para reclamar unha atención pediátrica que sexa "continuada e total" no municipio de Lourenzá (A Mariña), xa que o servizo é compartido con Mondoñedo e Barreiros.

Así o explicou Montse Porteiro, da Plataforma pola Sanidade da Mariña que detallou que, até a pandemia, había un pediatra un día á semana en Lourenzá, pero o Covid-19 foi "a escusa perfecta" que tivo a Xunta da Galiza para "eliminar esa atención semanal" aínda que, puntualizou, que "había problemas desde moito antes".

"Reclamacións colectivas"

Porteiro lembrou que na localidade realizaron "reclamacións colectivas", en demanda dun servizo de pediatría que "atenda sen interrupción", así como concentracións e recollida de sinaturas.

Por iso, exixiron que repoñan de "forma inmediata" a atención pediátrica en Lourenzá, cubran de "forma adecuada" en Mondoñedo e Barreiros e se cubra o servizo en Viveiro.