Centos de persoas protestan no centro de saúde de Viveiro contra a falta de profesionais e as "mentiras do PP"

Protesta, este 15 de maio en Viveiro. (Foto: Plataforma Sanitaria da Mariña)
No transcurso da concentración, presentouse unha folla informativa para "desmontar as mentiras" do PP, entre as cales aluden á "eliminación" da área sanitaria da Mariña a través da reforma de 2018 que a integrou na de Lugo negando que isto supuxese as melloras na atención prometidas.

Centos de persoas concentráronse esta quinta feira ante o centro de saúde de Viveiro (A Mariña), para protestar contra a falta de médicos e médicas na comarca e para "desmontar as mentiras do PP".

Trátase dunha convocatoria da Plataforma Sanitaria da Mariña co lema 'Pola Resurrección da nosa Sanidade', na que tamén participaron responsábeis do BNG e do PSdeG, para clamar contra a xestión do Servizo Galego de Saúde (Sergas) por parte da Xunta da Galiza, que "pon en risco" e "provoca sufrimento" na poboación.

No transcurso da concentración, presentouse unha folla informativa para "desmontar as mentiras" do PP, entre as cales aluden á "eliminación" da área sanitaria da Mariña a través da reforma de 2018 que a integrou na de Lugo, negando que isto supuxese as melloras na atención prometidas.

De acordo coa plataforma, a comarca está sumida nun "caos sanitario" que provoca que en Viveiro o déficit de facultativos e facultativas, e tamén de pediatras, sexa "próximo a 50% da súa dotación". Tamén os veciños e veciñas de Ourol e O Vicedo atravesan "situacións moi difíciles en canto á cobertura" de profesionais, denuncia.

Isto provoca, tal e como relata, que haxa esperas de varios días para conseguir unha cita en atención primaria, ao que hai que sumar que as demoras para un ou unha especialista no hospital de Burela superen a media da Galiza.

As protestas continúan a pesar da reunión co conselleiro

Precisamente, a xunta de persoal do citado hospital promove protestas diarias polo mesmo motivo, unhas convocatorias que continúan a pesar da reunión mantida a pasada sexta feira co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.