Centos de persoas ateigan o porto de Lira para pedir o indulto para o expresidente dos percebeiros

Foto: BNG Carnota

Está condenado a tres anos de prisión por agredir un furtivo. Na concentración estiveron presentes varios patróns maiores e rostros coñecidos como o actor Miguel de Lira.

Centos de persoas - máis de mil segundo as convocantes - concentráronse no porto de Lira, Carnota, para apoiar o seu veciño Manuel Antonio Martínez Lustres e pedir o indulto para este percebeiro concenado a tres anos de prisión por unha agresión en 2013 a un furtivo. Veciños e veciñas da localidade, representantes do sector do mar da comarca, de formacións políticas e rostros coñecidos como o actor Miguel de Lira - veciño do condenado e que fixo de portavoz da familia- estiveron presentes na mobilización polo indulto a Manuel de Talelo. Máis de 2.000 sinaturas apoian esta petición.

 

A concentración considera excesiva e desproporcionada a condena a Antonio Martínez. Lembran a actitude violenta dos furtivos e que os danos causados polo condenado xa foron reparados economicamente no seu día.

 

Concello de Carnota, Club Fútbol Lira, Confraría de Pescadores ou asociación Monte Pindo xa se pronunciaron a favor desta petición de indulto. Foi de feito o proio Concello o que,a través dunha iniciativa do BNG aprobada por unanimidade de todos os grupos, iniciou a petición de indulto para este veciño. 


En 2011 a Xunta retirou o financiamento á Reserva Mariña de Lira, o que supuxo a fin da vixiancia na zona que tivo que pasar a ser prestada polos propios mariñeiros, que foron os que tiveron que facer fronte a un fenómeno como o furtivismo, no que hai persoas que teñen protagonizado episodios violentos.