Centos de persoas participan na cazolada galega contra as ameazas de Filipe VI a Catalunya

Imaxe: CIG

As persoas participantes na mobilización tamén se defendeu a lexitimidade dos resultados do 1-O. Vídeo no interior

Centos de persoas tomaron parte na cazolada convocada pola plataforma Galiza con Catalunya para rexeitar o discurso de Filipe VI sobre o proceso catalán e defender a lexitimidade do 1-O. Tixolas, cazos, olas, culleres... Todo tipo de menaxe serviu para facer ruído na tardiña desta cuarta feira nas cidades galegas en apoio ao pobo catalán.

“A aparición pública do Xefe do Estado, Felipe VI, para facer unha declaración oficial da Casa Real sobre a situación política de Catalunya corroborou novamente que o Estado español apostou única e definitivamente pola vía represiva. Sen entender a profundidade e o alcance do acontecido nos últimos anos en Catalunya -nun proceso que culminou o domingo co referendo de autodeterminación de masiva participación- a posición de Felipe VI converteuse nunha sucesión de ameazas contra o pobo catalán e a súa lexítima representanción política e institucional”. Así daba comezo o manifesto lido nas concentracións da cuarta feira.

 

Unhas mobilizacións que volveron contar cunha importante presenza de xente, se ben inferior á das anteriores convocatorias - sábado e domingo - en apoio ao proceso posto en andamento en Catalunya e que reuniu milleiros de persoas.

 

Nas concentracións desta cuarta feira volveu defenderse o dereito de autodeterminación de Catalunya e a criticar a actuación do Estado, nomeadamente a represión do propio día do refrendo. “A vía catalana de desobediencia e resistencia frente ao réxime do 78, que sucedeu a un franquismo esgotado e que nega calquera vía para efectivizar a vontade democrática dos pobos, supón un exemplo de determinación, unidade e forza para todos os pobos que percorreremos, mais cedo que tarde, o noso propio camiño”.