Centos de persoas nas rúas galegas na resposta feminista contra “as políticas fascistas”

Concentracións en cidades e vilas para se solidarizar coas mulleres andaluzas e rexeitar a axenda “machista” da dereita máis dura.

Centos de persoas participaron nas concentracións que decorreron en cidades e vilas de Galiza convocadas polo feminismo para rexeitar as políticas de recortes de dereitos e liberdades das mulleres. Concentracións convocadas en solidariedade coas mulleres andaluzas a raíz da entrada da extrema dereita de Vox no parlamento andaluz cunha axenda con puntos tan polémicos como cuestionar a violencia machista.

Da Coruña e Ferrol a Vigo, de Lugo a Ourense, pasando por Lalín, Pontevedra, Monforte, Ribeira, Compostela ou Viana do Bolo, entre outras. As mobilizacións incidiron en que “a igualdade nin se negocia nin se vende” e rexeitaron a “ideoloxía patriarcal” de Vox e que partillan sectores doutras forzas da dereita.

 

"Nin un paso atrás na loita feminista", "Ás políticas fascistas, resposta feminista" ou "Fóra o machismo das institucións" foron algunhas das palabras de orden as concentración, así como a de "Non estamos todas faltan as asasinadas". “En 2017, das 166.260 denuncias por violencia de xénero, só dúas resultaron non acreditadas. Estes datos falan sós." sinalouse nun dos manifestos lidos ao rematar as concentración.