Centos de persoas marcharon en Carballiño en solidariedade co estudante Emilio Cao

Enfronta unha petición de pena por parte da fiscalía de 5 anos e 8 meses por unha presunta agresión a un policía que el nega. Foi detido durante unha mobilización das Marchas pola Dignidade en Madrid.

En Maio de 2014 as Marchas organizaron un protesto en Madrid contra a Troika. Houbo cargas policiais e foron detidas 30 persoas, entre elas o estudante galego Emilio Cao, membro de Estudantes sen Futuro. Impútanlle a agresión a un axente das forzas de seguridade, delito que el nega ter cometido. A fiscalía pédelle 5 anos e 8 meses.

"Hai fotos e vídeos que certifican que non foi así [que non houbo agresión]", afirma Cao nun vídeo pendurado na rede por @ourenseencomun para animar a participación na marcha deste sábado.

"Hai unha foto en que se me ve a min con 4 ou 5 antidisturbios, con toda a protección que levan, enriba miña aplastándome co escudo, creo que nesa situación non podería agredir ningún policía nen lesionar ninguén nen sequera resistirme", acrecenta para a seguir cualificar de "desproporcionada" a petición de pena formulada pola fiscalía (que, no sistema xudicial español, depende hierarquicamente do Goberno).

Para se solidarizar con Emilio Cao, centos de persoas marcharon esta mañá nas rúas do Carballiño, nunha manifestación con nutrida presenza dos coletivos integrados nas Marchas pola Dignidade, desde os sindicatos CUT e CGT até partidos políticos como a FPG ou Esquerda Unida.

O portavoz de En Marea no Parlamento galego, Luís Villares, escusou a súa ausencia polas súas obrigas parlamentares (este sábado había xunta de portavoces) e utilizou a súa conta de Twitter para arroupar o estudante.

Si estiveron nas rúas de O Carballiño Alexandra Fernández, portavoz de En Marea no Congreso, e Lidia Serna, eurodeputada de AGEe.