Centos de persoas toman parte en Teo na andaina reivindicativa contra a planta de residuos

Un momento da marcha, na Carballeira de Casaio. Imaxe: @bngTeo

A veciñanza oponse a un proxecto que supón un risco para a saúde e medioambiente e que afectaría a núcleos de poboación de Teo, Ames, Santiago e Padrón.

Máis de 2.000 persoas, segundo a organización, participaron este domingo nunha andaina reivindicativa contra a instalación na canteira de Casalonga (Teo) dunha planta de residuos que recibirá anualmente 90.000 toneladas de diferentes refugallos, desde lodos de depuradoras e conserveiras a puríns ou residuos de industrias agroalimentarias,.

 

O roteiro reivindicativo parteu de sete puntos diferentes para as persoas participantes confluír na Carballeira de Casaio, desde onse se iniciou unha marcha até a canteira. A veciñanza alerta do impacto desta planta para a saúde e para o medio ambiente, non só deste lugar, senón de varios concellos, de aí que pidan á Xunta que non autorice o proxecto.

 

Así, lembran que a só 400 metros de onde se pensa instalar a planta hai un núcleo de poboación; e nun radio de 2 quilómetros viven por volta de 4.000 persoas.

 

A planta ocuparía unha superficie de 145.000 metros cadrados e contaría cunha balsa de 7.000 metros cúbicos de capacidade para almacenar os residuos, dous gasómetros para 1.000 metros cúbicos cada un, un espazo para o lavado diario dun mínimo de 40 camións que transportarían os residuos orgánicos e lodos á planta ou unha nave de recepción de residuos duns 2.000 metros cadrados. Este proxecto impulsado polo grupo Toysal ten como obxectivo a posta en funcionamento na antiga canteira de Camilo Carballal dunha instalación de tratamento e reciclado de residuos composta por unha planta de biogás agroindustrial e unha de procesado de digestatos e produción de fertilizantes.

 

Xa hai constituída unha plataforma, Casalonga limpa de residuos, que está a aglutinar a oposición a esta planta. O pleno de concellos como o de Teo aprobaron por unanimidade rexeitar o proxecto. “A instalación desta planta tería afectacións sobre a saúde, a calidade das augas de pozos, mananciais e regos ou os olores. O cheiro vai ser pestilente varios quilómetros á redonda e é obvio que todos estes residuos van atraer gaivotas, ratas, insectos e a posibilidade de enfermidades, segundo contrastada información". Alén disto, "foron as últimas modificacións na Lei do Solo no ano 2016 as que permiten que proxectos deste tipo poidan optar a situarse en solos tan achegados a núcleos de poboación”, apontan desde a plataforma.