Centos de persoas marchan en Compostela contra a universidade privada de Abanca

Manifestación en Compostela contra o modelo de universidade privada que promove Abanca (Foto: Laura Barcala).
Convocadas pola Plataforma en Defensa da Universidade Pública, as persoas asistentes cargaron contra un modelo educativo que aposta por segregar o alumnado en función das súas capacidades económicas 

Centos de persoas secundaron este sábado en Compostela a manifestación convocada pola Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública contra o modelo de ensino universitario privado que quere instaurar Abanca no país.

Baixo lemas como 'Recortes á pública, cartos á privada', 'Públicas son, públicas seremos, pola privada nunca pasaremos', as persoas asistentes á manifestación levaron as súas queixas polas rúas de Compostela, nun percorrido que partiu ás 12 horas da Alameda e concluíu na praza da Quintana da capital galega. 

A protesta prodúcese despois da acción protagonizada no día de onte polo colectivo Erguer, que ocupou a futura sede da universidade de Abanca en Vigo, e días despois de que o Partido Popular se negase no Parlamento galego a escoitar a opinión dos tres rectores de universidades públicas ao respecto da creación deste novo centro de ensinanza universitaria. 

Desde a Plataforma inciden en que o acto deste sábado non será o derradeiro, e continuarán coas mobilizacións contra o proxecto de universidade que "auspiciada por Abanca e promovida polo goberno do PP na Xunta da Galiza, pretende implantar un modelo de ensino superior privado no noso país", denuncian.

Rexeitamento sindical

Segundo sinalan algúns dos colectivos que integran a plataforma, como é o caso da CIG, con esta licenza universitaria Abanca vai ter a posibilidade de "enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos", o que tamén vai en contra dos intereses da pública, que se pode ver abocada á perda do alumnado e a fuga do investimento privado pola posíbel desaparición dalgúns títulos da súa oferta. 

Neste sentido, Roberto Castro, da sección sindical de universidades de UXT, afirmou que a universidade "non é un ben de consumo, non é unha mercadoría. É un dereito e unha forma de progreso social que se trata de atacar a través dunha proposta na que a calidade non está garantida" e, polo tanto, a oferta privada "entra en conflito" coas titulacións públicas. Ademais, engade que "repercutiría economicamente de forma negativa" en campus periféricos como os de Ferrol, Lugo ou Pontevedra.

Pola súa banda, a secretaria xeral da Federación de ensino de CCOO, Luz López, tachou de "contraditorio" que o Goberno galego "non permita duplicar titulacións ás públicas, pero si o faga coas privadas". "A lei de universidades publicada en 2013 abriulle as portas á iniciativa privada: os requisitos eran mínimos e calquera 'chiringuito' podía converterse nunha universidade privada", sinalou López.

Resposta política

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que participou na manifestación, sumouse ás críticas vertidas contra o goberno popular e defendeu que o ensino superior é "un dos grandes avances e conquistas sociais" e "un ascensor social a preservar".

Pontón tamén incidiu no feito "eticamente reprobábel" de que a iniciativa sexa promovida por Abanca, "unha entidade rescatada con diñeiro público".

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, aínda que non acudiu á marcha, tamén mostrou o seu rexeitamento a este proxecto privado durante a súa intervención no Comité Nacional da súa formación. Neste senso, o líder socialista reclamou "apoio e fortalecemento" do sistema público e non "competencia por atrás" por parte de institucións privadas.

Desde o Goberno galego, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, argumentou que "o proxecto cumpre con todos os requirimentos legais" e "non ten ningún tipo de apoio económico por parte da Xunta". "Ambos os sistemas poden convivir sen ningunha dúbida, e pensar o contrario é unha postura algo anacrónica", sinalou

"Estamos nun país libre no que é posible manifestarse, pero tamén é posible levar a cabo iniciativas privadas en calquera ámbito", indicou o conselleiro sobre a mobilización.