'NON AO BARCO NA ROTONDA DE COIA'

Centos de persoas maniféstanse en Vigo contra a ‘Fontana de Trevi’ de Abel Caballero

@CRTVG-RíasBaixas

Unha nutrida mobilización pideu que non se malgastasen cartos en proxectos como o do barco na rotonda de Coia -que o alcalde comparou coa Fontana de Trevi- e denunciou a criminalización da protesta veciñal. 

 

Xustiza Social: Nin cartos na rotonda nin Estado policial’ e ‘Os cartos para as persoas’. Non se pode dicir que as faixas de cabeceira da manifestación que na tarde desta sexta feira percorreu Vigo non sexan clariñas en canto a demandas. Centos de persoas secundaron a mobilización convocada pola Asemblea Aberta de Coia para, como se esplicitaba nas faixas, pedir que non se malgaste diñeiro en poñer un barco na rotonda de Coia (un custo de por volta de 300.000 euros) e que pare a criminalización da oposición veciñal a ese proxecto. O alcalde vigués, Abel Caballero, insiste en defender a instalación, unha obra que mesmo chegou a comparar coa Fontana de Trevi de Roma.

A policía multou a furgoneta da CIG que anunciaba a manifestación, malia ter permiso para facelo

A manifestación partiu da Praza de América e acabou fronte a rotonda de Coia. Moitos dos asistentes -máis de mil, segundo medios locais-, seguindo a chamada das convocantes, levaban barcos de papel. Veciñ@s de Coia mais tamén doutros barrios de Vigo e tamén de vilas e localidades do país formaban parte dunha mobilización que fai fincapé na gravidade de que se “malgasten” cartos en proxectos como o do barco en ves de investilos en servizos sociais ou loita contra o paro.

“É unha loita que hai tempo deixou de ser só por un barco”

No comunicado lido ao final da manifestación sinálase que “Non sabemos se ao final chantarán o barco na rotonda, pero si temos claro que no seu intento están dispostos a empregar todos os medios que teñen á man: represión, criminalización, multas, mentiras... Nestas semanas golpeáronnos con forza, pero non acalaron, nin acalarán, a nosa resistencia; porque nós temos razóns, forza colectiva, constancia, poesía, mandarinas ecolóxicas... para continuar cunha loita que hai tempo superou a cuestión do barco”.

Denuncian que o alcalde “e os seus concelleiros” falen de “agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía...;”.

É a segunda manifestación en Vigo en apenas nun mes contra a instalación do barco na rotonda. Estaba apoiada por diferentes colectivos sociais e organizacións políticas como BNG, Anova, IU, Nós-Up, Causa Galiza ou Podemos, entre outras.