Centos de persoas arroupan as familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Familiares dos mariñeiros falcidos do Vila de Pitanxo. (Foto: Beatriz Fiscar/Europa Press)
Previamente, sobre as 17.30 horas, representantes das familias dos 21 falecidos reuníronse coas autoridades nun colexio próximo, onde lles trasladaron a importancia de retomar a busca dos 12 cadáveres que aínda non foron atopados.

Centos de persoas arrouparon nesta sexta feira as familias dos 21 mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo', afundido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros ao leste de Terranova, durante o funeral que decorreu en Marín.

Entre os aplausos dos asistentes que se concentraron ás portas do Templo Novo de Marín, os familiares chegaron á igrexa minutos despois das 18 horas acompañados polos reis españois, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.

Previamente, sobre as 17.30 horas, representantes das familias dos 21 falecidos reuníronse coas autoridades nun colexio próximo, onde lles trasladaron a importancia de retomar a busca dos 12 cadáveres que aínda non foron atopados.

Ao acto relixioso tamén asistiu un dos tres superviventes da traxedia, Samuel Kwesi Koufie, a quen as familias agradeceron o xesto, xa que esta situación tamén é "moi difícil" para el, porque segue a ter "consecuencias físicas e emocionais".

Ao remate do oficio, a portavoz da familia e filla do xefe de máquinas do pesqueiro, María Xosé de Pazo, agradeceu a presenza a Samuel e lamentou que este sábado 19 de marzo, día do Pai, moitas crianzas o pasen "sen poder chamar o seu pai" e moitos pais "non volverán recibir chamadas dos seus fillos", porque a traxedia acabou coa súa vida.

Importancia de retomar a busca

De Pazo insistiu na importancia de retomar a busca e pediu "explicacións" ao Goberno español. "Non queremos que nos digan o día e a hora, pero si o que están a facer para buscar os doce desaparecidos", reclamou.

Neste sentido, asegurou que as familias están "unidas pola dor" e queren atopar ou "polo menos buscar" os doce cadáveres que aínda non foron atopados. "E logo buscar a verdade para que se faga xustiza", subliñou.

Na mesma liña, Kevin González, fillo do oficial de máquinas do 'Vila de Pitanxo', lamentou ante os medios, visibelmente emocionado, que este sábado non poida pasar o Día do Pai co seu pai.

Pediu que se continúe coa procura e que se baixe ao pecio con independencia do diñeiro que isto poida supoñer, xa que os 12 desaparecidos "merecen ese anaco de todos para intentar ir buscalos".