Concentracións de repulsa polo asasinato de Diana Quer

"Queremos camiñar tranquilas, de noite e de día"

Un momento da concentración decorrida na Coruña

"Non son mortas, son asasinatos" e "Queremos camiñar tranquilas de noite e de día" foron algúns dos cánticos coreados nas concentracións deste serán en protesta polo último crime machista

O movimento feminista galego reuniu centos de persoas este serán en Compostela, Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra para testemuñar a indignación e a raiba de largos sectores sociais do país perante a comisión dun novo acto de violencia machista, o saldado coa asasinato de Diana Quer.

 

Indignación, raiba e tamén demanda de mudanzas nas políticas públicas en materia de combate contra o tamén chamado terrorismo machista. Iso é o que quixeron expresar as persoas concentradas, tal e como graficamente se manifestaba nunha das palabras de orde coreadas este serán: "Sen orzamentos, sen garantías, o pacto de Estado é unha porcaría".


Na concentración de Vigo, a portavoz da Plataforma Feminista Galega, Sara Cazorla, denunciou que coa actual lexislación estatal só se concede estatus de vítima de violencia de xénero a 44 das 88 mulleres que a sofreron no conxunto do Estado en 2017. A lei só entende por agresións machistas aquelas que se produce no seo das parellas, o que deixaría fóra ataques tan brutais como o que tirou a vida a Diana Quer.

 

"Non é un problema de mulleres, senón un problema de Estado, porque hai unha cultura machista estendida que nos condiciona e nos mata", afirma o manifesto lido ao termo das concentracións, comunicado que critica o facto de que máis unha vez "a xulgada fose a vítima, por ser muller e por ir soa a casa de noite".

 

En declaracións aos meios recollidas por Europa Press, Sara Cazorla afirmou que as mulleres queren ser "libres" para "poder camiñar pola rúa de noite". "Imos continuar a estar nas rúas loitando contra a violencia machista".