As familias cargan contra o Goberno do Estado e a empresa armadora

Centos de persoas esixen ‘xustiza’ en Marín para as vítimas do ‘Vila de Pitanxo’

Samuel Kwesi intervindo na concentración doas familias do “Vila de Pitanxo” na Alameda de Marín. (Foto: Javier Vázquez/Europa Press).

A Alameda de Marín acolleu na mañá deste domingo unha concentración de centos de persoas para reclamar ao Goberno do Estado que non abandone a busca dos desaparecidos do naufraxio do ‘Vila de Pitanxo’

Samuel Kwesi, un dos tres mariñeiros do naufraxio do “Vila de Pitanxo”, foi o grande protagonista da protesta convocada este domingo polos familiares dos mortos e desaparecidos no naufraxio.

Kwesi instou ao Goberno do Estado a baixar ao pecio do “Vila de Pitanxo” para buscar “a verdade” e facer “xustiza”. Neste liña, sinalou que “desde que pasou o accidente eu estou a vivir como que todos os días son iguais a 15 de febreiro”.

“Non podemos facer xustiza sen as probas. E como vas facer xustiza deixando tiradas as probas”, engadiu Kwesi, quen recoñeceu que “estou tan triste que non me saen as palabras. Oxalá puidese dicilas todas”.

As palabras de Kwesi

O mariñeiro ganés residente en Marín solicitou “ao Goberno de España que, se quere facer xustiza, non se pode facer xustiza sen baixar ao barco porque aí é onde van poder facer a xustiza boa. A verdade”.

As palabras de Kwesi na mobilización chegaron após testemuñar no xulgado sobre as causas do naufraxio. Segundo a versión da súa declaración difundida pola xornal El Debate, acusou o capitán "de grandes neglixencias no momento de naufraxio" e sostivo que os mariñeiros "pediron a berros" ao patrón un  arriado de cables que podería estabilizar o buque e evitar o naufraxio.

Kwesi sinalou ao xuíz que o patrón da embarcación, Juan Enrique Padín, nin deu sinal de abandono do buque nin ordenou á tripulación que se colocase os traxes de supervivencia". De feito, só Enrique Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, dispuñan de traxe de supervivencia no momento de ser rescatados, carecendo do mesmo o resto dos mariñeiros

As familias das vítimas

Os familiares dos mortos e desaparecidos do ‘Vila de Pitanxo’ agradeceron a Kwesi as súas palabras. Neste dirección, a voceira das familias, María José do Pazo criticou a acción do Goberno do Estado que, ao seu xuízo, "non fixo nada", polo que solicitou volver reunirse co presidente, Pedro Sánchez, e coa ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, a cal nunca os recibiu.

María José do Pazo significou que “as 21 familias queremos que isto sirva para algo. A nós non nos van a devolver aos nosos, pero si que queremos que isto sirva para algo e que haxa un precedente e que a partir do 'Villa de Pitanxo' se diga que á xente do mar non a volveron a menosprezar”.

Christopher González, fillo de Fernando González, cargou contra a armadora do buque, Pesqueiras Nores. “Hai empresas que dan noxo e parece ser que a nós nos tocou esa”, relatou González acusándoa de "avaricia" e asegurando que "por encher os petos de tres ou catro" deixaron a 21 persoas "enterrados no mar".

González rematou afirmando que “desde un primeiro momento a armadora mentiu. Puxo pedras no camiño para que non se soubese a verdade. E estámolo vendo. O que queremos están a tempo aínda. Dámoslles a oportunidade de que sexan persoas decentes e se poñan ao lado da verdade".