O Rosal mobilízase contra os recortes na Atención Primaria

Mobilización pola Atención Primaria no Rosal (Foto; Concello do Rosal)

A veciñanza do Rosal denuncia o desmantelamento da sanidade pública no seu concello, con carencias de persoal en Pediatría e demora superior a dúas semanas para ter cita en Atención Primaria.

Centos de persoas concentráronse este sábado, 3 de xullo, na praza do Calvario do Rosal para denunciar as carencias do servizo de Atención Primaria e pedir que se “poña freo ao seu progresivo desmantelamento”.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal recalca que a situación desde o comezo da pandemia “foi a peor, xa que o Sergas tomou unha serie de medidas presentadas como temporais que agora ten intención de prolongar de modo indefinido”.

Nun comunicado do Concello do Rosal sinálanse as eivas no servizo de Pediatría "que se desprazou á Guarda de forma temporal pero que aínda non volveu ao centro de saúde rosaleiro", unha situación que nos últimos meses viuse agravada ao estar de baixa a pediatra titular e non ser substituída, polo que “as crianzas do Rosal carecen dun seguimento médico axeitado”.

“Non é unha situación illada”, segundo denuncian, pois non se envían substitutos para o persoal de baixa, deixando as e os pacientes sen continuidade na asistencia médica, e impúxose a atención telefónica prioritaria, sobrecargando o persoal sanitario na atención de pacientes e deixando rosaleiras e rosaleiros “cunha demora de máis de dúas semanas para poder acudir ao médico”.

Por outra banda, o consultorio de San Miguel de Tabagón leva fechado pola Consellaría desde comezos da pandemia sen perspectiva de que se dote do persoal e do material necesarios para reactivar a súa actividade.

Ademais, lamentan que de cara ao verán o Sergas xa anunciase “que non se van substituír as vacacións do persoal, o que deixará o centro de saúde cunha soa médica para máis de 6.000 persoas”.

Ante esta situación que consideran “absolutamente inaceptábel que non fai outra cousa que deteriorar gravemente o servizo de atención primaria e pór en grave perigo a saúde da veciñanza”, a Plataforma reclama á Consellaría de Sanidade un servizo de pediatría de calidade no Rosal, a recuperación da praza de matrona, a substitución das baixas e vacacións do persoal sanitario, a recuperación da atención presencial na Atención Primaria dotando as e os profesionais dos medios precisos, a creación dunha praza máis de persoal médico e dúas de persoal de enfermaría, así como a dotación das infraestruturas, espazos e equipamentos necesarios para unha Atención Primaria de calidade.

Durante a concentración deste sábado as persoas participantes escoitaron o testemuño dunha das médicas do centro de saúde e recolléronse sinaturas para que se tomen medidas ante o deterioro do servizo e que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellaría de Sanidade e na xerencia do Sergas.