Centos de persoas no Orgullo de Vigo para reivindicar e defender os dereitos LGTBi

Unha manifestación percorreu este sábado a cidade olívica con motivo do Día do Orgullo. Reivindicación e alegría mesturáronse para defender os dereitos do colectivo LGTBi na convocatoria da Asociación Nós Mesmas. 

 

Música e reivindicación asolagaron neste 28 de xuño as rúas de Vigo. Con motivo do Día do Orgullo, a cidade olívica acolleu unha manifestación que partiu desde a Farola de Urzáiz para concluír na Praza da Pedra. Centos de persoas --arredor de 300 segundo @s asistentes-- tomaron parte na convocatoria lanzada pola Asociación Nós Mesmas e que contou coa participación do grupo de batukada Bloquinho Aperta.

Unha mobilización cargada de alegría que decorreu nun ambiente moi festivo mais no que a reivindicación e defensa dos dereitos do colectivo LGTBi estivo moi presente. Ao berro de 'Non somos amigas, comémonos a cona' ou 'Contra o capital poder anal, contra o vaticano poder clitoriano' a comitiva marchou pola cidade con presenza, tamén, doutras organizacións políticas como Galiza Nova, ALEAS-Esquerda Unida ou representantes do BNG, a Marcha Mundial das Mulleres, Xuventudes Socialistas, PSeG-PSOE e mesmo de Amnistía Internacional. 

Neste Orgullo 2014 o lema elixido foi 'Polos dereitos humanos LGTB'. Neste senso, a xornada focou a súa atención na defensa dos valores de igualdade, liberdade, respecto e o dereito a decidir sobre os corpos. Asemade, denunciaron a situación discriminatoria na que se atopa o colectivo LGTBi a nivel mundial e as mudanzas lexislativas que se están a producir, contrarias á igualdade. 

A leitura do manifesto editado por Nós Mesmas correu a conta de Beatriz Suárez quen, posteriormente deu paso á festa da man do Dj Pablo Senra. 

A mobilización de Vigo foi a máis concorrida, porén distintos puntos do país acolleron actos e concentracións co gallo do Día do Orgullo. Palestras, exposicións, obradoiros de auto-erótica, proxeccións, debates... desenvolvéronse ao longo da última semana en vilas e cidades galegas na defensa dos dereitos de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e intersexuais.