Centos de mulleres saen ás rúas para exixiren a fin da violencia machista

En máis dunha vintena de localidades houbo manifestacións contra a violencia machista. Na imaxe, a concentración de Compostela (Foto: Arxina).
O asasinato da moza de Barro reactiva o debate legal sobre o feminicidio.

"Basta de feminicidios. O machismo mata". A proclama do feminismo galego volveuse escoitar esta terza feira en máis dunha vintena de vilas e cidades galegas. Centos de persoas concentráronse en repulsa do asasinato de Jéssica Méndez, a moza de Barro de 29 anos que faleceu tras un accidente de tráfico baixo investigación xudicial. Pediron xustiza e o recoñecemento de todas as formas de violencia sobre as mulleres como violencia machista, que a lei española reduce ao ámbito da parella ou a ex parella.

A demanda non é nova, nun informe do mes de xaneiro o Consello Xeral do Poder Xudicial considera "urxente" unha reforma da lei contra a violencia de xénero para perseguir de forma "efectiva, exhaustiva e profunda" todas as formas de violencia contra as mulleres. Pide ampliar "canto antes" a loita contra as violencias machistas máis aló do ámbito dunha relación afectiva ou sexual, presente ou pasada e adecuar a norma ao Convenio de Istambul.

"O actual concepto de violencia sobre a muller é insuficiente para estudar e combater con efectividade este fenómeno criminal no sentido amplo que prevé o citado convenio do Consello de Europa, asinado en Istambul en 2011", defendeu o Observatorio contra a Violencia de Xénero do CXPX.

Esta reforma sería chave para poder tipificar o feminicidio, unha figura que abunda no discurso social e feminista, mais non nos textos legais. E sería chave, tamén, para poder investigar a morte de Jessica Méndez desde unha perspectiva de xénero malia non existir un vínculo afectivosexual co único investigado.

Violencia machista

O Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis decretou na segunda feira o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para José Eirín, o home detido por bater o seu coche contra o da vítima a pasada quinta feira. A investigación policial apunta unha acción deliberada por parte do único investigado por un delito de homicidio ou asasinato, unha cualificación que se concretará a medida que avance a instrución.

 A investigación determinará "se hai algo máis" tras este accidente de tráfico, avanzou o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns. "Agora mesmo, o que temos é un accidente de tráfico, que se está investigando como homicidio doloso", precisou antes de lembrar que corresponde ao Ministerio de Igualdade "decidir" se se trata dun caso de "violencia machista" como  defende o movemento feminista galego e o propio contorno da vítima.

Falan de "feminicidio", e piden, como reclaman tamén desde o Concello de Pontevedra, que se investigue como violencia de xénero. "Malia o que diga a lexislación estatal, isto é violencia machista. É un feminicidio", declarou a portavoz municipal Anabel Gulías.

A pasada segunda feira, na primeira concentración pública en repulsa polo asasinato da muller de Barro ante o Consistorio municipal, unha amiga e compañeira de traballo de Jéssica Méndez revelou durante a lectura do manifesto a situación de acoso sufrido pola vítima nos últimos anos por parte do único investigado. Segundo dixo, alcanzou niveis tan elevados que tivo que pór cámaras de vixilancia e optar por cambiar de casa, ademais de impulsar a familia a interpor unha denuncia por acoso.

Investigan unha presunta agresión sexual na Estrada

Tres mozos da Estrada acusados de  agredir sexualmente unha menor de idade que vive no mesmo concello quedaron en liberdade a disposición da Fiscalía de Menores após prestar declaración a pasada segunda feira ante a Garda Civil. Axentes abriron dilixencias para dilucidar o sucedido tras a denuncia dos proxenitores da presunta vítima o pasado 17 de marzo.

Os delitos contra a liberdade e a intimidade sexual aumentaron na Galiza 22,63% durante o ano 2021, segundo revelou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lourenzá, a pasada segunda feira.

Os últimos datos sobre acoso sexual e acoso por razón  de sexo do Ministerio de Igualdade apuntan que máis de 40% de mulleres maiores de 16 anos sufriron acoso nalgún momento, e 1 de cada 5, no ámbito laboral.