Centos de mulleres colapsan os rexistros de Compostela e A Coruña para inscribiren os seus corpos

[Imaxes: S.G.]

A acción reivindicativa en contra da reforma da lei do aborto realizouse de maneira simultánea nas dúas cidades. Arrincou ás 15.30h e durou por volta de dúas horas. 

 

Empezaron 30 no rexistro de Vilagarcía e continuaron centos nos de Compostela e A Coruña, convocadas pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. A vaga de rexistros da propiedade dos corpos das mulleres como acción simbólica contra a reforma da lei do aborto que, á maneira dun globo-sonda, lanzou o Goberno español espállase por toda a Galiza. 

A repercusión da convocatoria foi tal que a afluencia de mulleres que non teñen unha participación activa nos movementos feministas e que decidiron sumarse a esta iniciativa sorprendeu en ambas as dúas cidades.

Desempregadas, con traballos remunerados, con crianzas, sen elas, que abortaran xa nalgunha ocasión, que non abortaron nunca e mesmo que non abortarían mais que están dispostas a dar a batalla para que quen se atope nunha gravidez non desexada e queira interrompela poida facelo sen riscos para a súa saúde e dentro do sistema sanitario público. 

En total, por volta de 500. Tamén nas dúas cidades explicaron que o tratamento dispensado polo persoal funcionario foi receptivo. Con todo, en Compostela, namentres un dos traballadores recollía os formularios e mesmo aproveitaba para animar as mulleres, outro deixaba claro que "xa vos dixemos que non aceptabamos os impresos e máis seguides aquí..", namentres colaboraba nas tramitacións iniciadas polo compañeiro. 

Sorprendeu a afluencia de mulleres que non teñen unha participación activa nos movementos feministas e que decidiron sumarse a esta iniciativa 

Cal é o ben rexistrado? Os seus corpos: os seus pés, as súas mans, os seus peitos, os seus ovarios, os seus peitos, o seu clítoris, a súa boca, a súa barriga, as súas orellas, os seus brazos e até a súa capacidade de sentiren e decidiren. Quen son as titulares? Elas propias. 

Todas as solicitudes presentadas foron adminitas a trámite e, segundo lles explicaron ás mulleres, nun prazo de 15 días poranse en contacto con elas para lles indicar se finalmente poden completar o rexistro e canto teñen que pagar en concepto de taxas. Cada expediente ao que lle colocaban o selo era recibido cun aplauso e aturuxos. 


Imaxe da capa: Rocío Fraga