Centos marchan polo peche de ENCE-Elnosa na ría de Pontevedra

Marcha contra ENCE (Imaxe: APDR)

"Logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos agora o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán”, critica a Asociación pola Defensa da Ría, que volveu a esixir a saída da pasteira, cuxa continuidade máis alá de 2018 está por determinar. [Vídeo no interior]


Centos de persoas marcharon este sábado contra a permanencia de ENCE-Elnosa convocados pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra. Unha manifestación que un ano máis pediu o peche da industria pasteira no litoral pontevedrés, cuxa continuidade, máis alá do 2018, está aínda por determinar. Mentres, a prórroga da industria química Elnosa foi revogada en febreiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e terá que pechar en 2017. 

“É moi importante que non deixemos que nos enganen. Porque agora, logo de 50 anos de destrución e desarranxo ambiental, ENCE ofrécenos o paraíso a cambio da permanencia en Lourizán”, sinalou a APDR, que acusou á empresa de lanzar promesas falsas sobre postos de traballo e solucións contra a contaminación para xustificar a permanencia da súa actividade na ría de Pontevedra. 

“Xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos da fábrica de pasta de papel", dixo a APDR.

Ao berro de “A ría é nosa, e non da celulosa” percorreron o camiño entre as Alamedas de Pontevedra e Marín -puntos de partida da protesta- e o complexo industrial de Lourizán. “Xa é demasiado tarde e xa ninguén na comarca cre as mentiras dos directivos”, apuntou o colectivo organizador no comunicado da protesta.

A APDR insistiu nos motivos para opoñerse á continuidade de ENCE, así como para esixir a súa saída inmediata. "Non imos agardar a 2018, peche xa", clamaron os presentes. Por un lado, a contaminación do aire e das costas pontevedresas polos continuos vertidos e fumes da fábrica. Por outro, unha política forestal centrada no eucalipto e nas fumigacións tóxicas, que deteriora os bosques e alimentan os incendios. “Entre todos e todas conseguiremos o saneamento da Ría, recuperaremos os bancos marisqueiros e pesqueiros, as nosas paisaxes, augas e praias”.

"Usurpada polo franquismo e agora polo capitalismo”

Recordaron que a fábrica construíuse sobre a praia dos Praceres, “unha das xoias da ría, usurpada polo franquismo cruel e agora polo capitalismo irresponsábel”, un dos bancos marisqueiros máis ricos da zona e un dos mellores reclamos turísticos. 

Os opositores á permanencia da industria pasteira aseguraron que os danos para o medio ambiente e a economía locais superan aos beneficios prometidos. Nese sentido, sinalaron que destruíu máis postos de traballo dos que creou en medio século e recordaron que é a única celulosa de Europa condenada por delito ecolóxico e que incumpre sistematicamente a lexislación.

O Concello ten listas as alegacións

Acusaron á empresa de utilizar “artimañas” para conseguir a prórroga da actividade. Porén, o Concello de Pontevedra anunciou xa que presentara as alegacións contra o informe de Costas, que abre a porta á continuidade de ENCE. O goberno municipal do BNG revalidou a Alcaldía co peche da pasteira entre as súas prioridades de campaña.