Por volta de 250 persoas

Unha cadea solidaria cos presos independentistas ás portas do Día da Patria

A tradicional ‘Cadea humana pola liberdade’ convocada por Ceivar reúne por volta de 250 persoas para percorrer a zona vella da capital galega na defensa dos dereitos dos presos independentistas galegos. 

Ducias de persoas acudiron neste 24 de xullo á chamada de Ceivar para facer parte da ‘Cadea humana pola liberdade dos presos independentistas’, unha cita que fai dez anos neste 2017. Unha mobilización que ao longo destes anos labrou o seu carácter obrigado nas vésperas do Día da Patria para todas aquelas persoas que defenden os dereitos dos presos políticos galegos. Como é habitual, o punto de encontro foi a Praza de Galiza para, a partir deste punto emblemático da transición zona nova-zona vella compostelá, os manifestantes percorrer, unidos polas mans, diferentes rúas e prazas do corazón da capital galega a reclamaren a liberdade dos independentistas presos.

 

A mobilización estivo en todo momento controlada por un impoñente dispositivo policial, formado por anti-disturbios, para alén da presenza de axentes da 'secreta'. Por volta de 250 persoas tomaron parte na cadea, na que abundaron as pancartas e berros contra a tortura e a dispersión, así como a favor do traslado a Galiza dos presos independentistas. "Que volten para a casa, é o seu dereito', 'Independencia' ou 'Liberdade independentistas' foron algunhas das consignas. A marcha finalizou na Praza de Cervantes, onde se emitiu un audio de María Osorio, presa independentista na cadea de Mansilla (León). No acto tomaron a palabra os tres militantes de Ceivar detidos recentemente nun operativo da Audiencia Nacional. 

 

Desde Ceivar defenden que os presos independentistas “forom encarceradas por ser dissidência num Reino Espanhol no que Galiza nom tem direito a se autodeterminar” e salientan o feito de facer “dez anos em que levamos à rua a reclamaçom de rematar com a dispersom e o encerro das prisioneiras políticas independentistas galegas; reclamaçom que é umha necessidade democrática e um exercício de justiça”.