Lugo recorda a alcaldesa Paula Alvarellos no primeiro aniversario do seu falecemento
Veciñas e veciños de Lugo reuníronse este domingo, 1 de marzo, no Parque Rosalía de Lugo para lembrar á alcaldesa Paula Alvarellos, no primeiro aniversario do seu falecemento. Tal e como trasladou o Concello de Lugo nunha nota de prensa, ao acto asistiron concelleiros de todos os grupos municipais; representantes doutras administracións públicas, de asociacións veciñais e do ámbito social, político, empresarial, ou cultural.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, agradeceu a todos os lucenses que se achegaron ao Parque Rosalía, para participar neste acto no que "quixeron lembrar á alcaldesa e amiga", da que destacou o seu "compromiso, traballo, tenacidade, valentía e ilusión tanto na súa faceta política como persoal". Ademais, destacou o seu carácter "próximo e empático e a súa honradez e integridade para levar a cabo o compromiso que adquiriu coa cidade de Lugo", polo que deixou unha "profunda pegada entre os veciños".
Tamén, o secretario xeral do PSdeG, Jose Ramón Gómez Besteiro, remarcou que foi unha persoa que "vivía a política con honestidade e responsabilidade", e "sen esquivar os problemas cando tocaba afrontalos". "O recordo que queda dela é o dunha muller comprometida e profundamente humana. E iso é o que queremos celebrar hoxe", salientou.
Durante a xornada de homenaxe, realizouse tamén a lectura dun poema escrito polo seu compañeiro de grupo e amigo, Pablo Permuy, tamén falecido o ano pasado. A lectura correu a cargo da concelleira Ángeles Novo.
Finalmente, o cantante e guitarrista do grupo Forguet A France Roi Álvarez fechou o acto, interpretando o tema 'A moza de onte', unha das cancións preferidas da alcaldesa; coa entrega dun ramo de flores aos seus familiares e o aplauso de todos os asistentes.