Centos de estudantes mobilízanse en todo o país para denunciar “a desprotección dos nosos montes”

lumes incendios concentracións erguer

Concentracións perante institutos e facultades.

Do IES Virxe do Mar de Noia á Facultade de Filosofía da USC, do CFIP Portovello de Ourense ao IES As Barxas de Moaña ou o IES Cabo Ortegal en Cariño. Centos de estudantes sumáronse esta segunda feira á convocatoria de Erguer a raíz da vaga de incendios que sofre Galiza. Os paros tiveron lugar ás 12:00 horas diante dos diferentes centros de ensino e os lemas ‘Lumes nunca máis’ ou ‘Xunta responsábel’ estiveron presentes.

“Paralizamos a nosa actividade diaria para mostrar a nosa máis absoluta solidariedade con todas as vítimas e a nosa máis absoluta repulsa cara estes atentados”, manifestábase no comunicado. Para Erguer, o lume forestal é consecuencia “dunhas políticas que buscan no monte unha fonte de beneficios para as grandes empresas e o monopolio das papeleiras e da especulación”.

A organización estudantil lembra os recortes en persoal e material e a ausencia de políticas de prevención. “No medio de tanta confusión, desinformación, descoordinación e incompetencia por parte das autoridades, foi unha vez mais o pobo quen tomou parte e se armou de dignidade para tender a man as unhas ás outras”.

 

A responsábel de organización de Erguer, Iria Figueroa, afirmou ao remate das concentracións que “se demostra, coa extensa resposta popular do estudantado, que o pobo galego é quen de tecer solidariedade e artellar reivindicacións con rapidez, fronte á inoperancia e incompetencia da Xunta de Galiza”.