Centos de estudantes mobilízanse polo dereito á vivenda nunha xornada de folga

Varios centos de mozos e mozas participaron esta cuarta na manifestación convocada en Compostela. (Foto: Arxina)

A mocidade destina 20% máis do seu salario a pagar o aluguer que hai cinco anos. Un dos colectivos máis afectados pola crise da vivenda é o da mocidade, que atravesa unha situación marcada pola escalada nos prezos do aluguer e a carencia de inmóbeis para o mercado residencial, aguilloada na Galiza ademais por un escaso parque público de vivenda.

Unha persoa moza na Galiza debe destinar ao pagamento do aluguer 20% máis que o que destinaba hai cinco anos. Así o rexistra o Observatorio de Emancipación do Consello da Mocidade de España. En 2019 un mozo ou moza de entre 16 e 29 anos e con traballo destinaba a pagar o arrendamento do seu piso 58% do seu salario neto. Ao feche de 2024, recolle o Observatorio, a mocidade comprendida nesa faixa de idade na Galiza tiña que destinar até 70% do seu soldo neto ao aluguer da súa vivenda. En apenas cinco anos, 12 puntos de diferenza; ou o que é o mesmo, 20% máis. 

Precisamente isto, o aumento do arrendamento e as dificultares crecentes para a xente moza de afrontalo, foi un dos factores que levou á convocatoria esta cuarta feira dunha folga no ensino galego para defender "a vivenda como un dereito e non un negocio", en palabras dos convocates: as organizacións estudantís Erguer-Estudantes da Galiza, Fervenza e a Asemblea de Traballo Social da Universidade de Santiago Compostela.

A manifestación entrando na zona vella de Compostela. (Foto: Arxina)

"Hai unha crise da vivenda que afecta especialmente o estudantado e é necesario dar unha resposta a esa situación", manifestou a Nós Diario Lucas Pardo, responsábel nacional de Erguer. "Os estudantes, como fillos da clase obreira, temos na vivenda unha das dificultades para acceder a estudos superiores", sinala a este medio Gonzalo Dios, portavoz de Fervenza. Pola súa parte, Miriam Sánchez, da Asemblea de Traballo Social, incide en que o problema da vivenda "non é só de universitarias ou universitarios, afecta toda a mocidade".

Estudantes de 3º e 4º da ESO, FP, Bacharelato e universidades estaban chamados a parar para denunciar a crise da vivenda. O acto central da xornada foi unha mobilización en Compostela na que tomaron parte varios centos de mozos e mozas, "escoltados" por até tres furgóns da Policía coas súas correspondentes dotacións de antidisturbios. A nosa vida contra o seu lucro; Vivenda universal, gratuíta de calidade ou o xa clásico Nin xente sen casa nin casas sen xente eran algúns dos lemas nas faixas portadas.

(Foto: Arxina)

Entre as palabras de orde coreadas ao longo da manifestación —que partiu da zona nova para rematar en Pratarías, no corazón da zona vella—, O teito é un dereito, Non pode ser a especulación nos prezos do aluguer ou Lume á carteira que especule. Tamén aquí, outro clásico, Aquí está, aquí se ve, a mocidade galega en pé. Aplausos de viandantes ao paso da mobilización en varios tramos. E aplausos recíprocos entre estudantes e traballadoras e traballadores ao coincidir a manifestación dos primeiros cunha concentración dos segundos convocada pola CIG na Praza da Galiza. 

"A vivenda representa un gasto cada vez máis importante  que condiciona o acceso ao ensino superior. Habería que empezar a adoptar medidas de emerxencia", demanda Lucas Pardo. "Pór un tope aos alugueres, aumentar as prazas nas residencias estudantís, crear unha bolsa de vivenda pública para a mocidade...", detalla o responsábel de Erguer.

A manifestación ao paso pola praza da Galiza. (Foto: Arxina)

"A solución á crise da vivenda é complexa", apunta Gonzalo Dios, "porque estamos nun sistema capitalista, onde o lucro do caseiro ponse por riba dun dereito como é o da vivenda". En todo caso, engade e na liña do indicado por Pardo, "habería que pór límite aos prezos do aluguer, habería que frear todo ese lucro".

A situación, a peor

"Regular os prezos de arrendamento, limitar as vivendas turísticas, máis axudas á mocidade para acceder a unha vivenda ou crear máis prazas en residencias públicas, porque o que vemos é que cada vez hai máis residencias privadas",  afirma Miriam Suárez. Para ela, a situación da vivenda "empeorou moito nestes anos e vivímolo nas nosas carnes". Indica que vir estudar a Compostela para moitas estudantes implica "ter que conseguir un piso en aluguer e estes cada vez son máis elevados".

Lucas Pardo, Gonzalo Dios, Miriam Sánchez e Iria Nande.

As organizacións convocantes partillan as críticas ao que consideran unha "inacción política" tanto da Xunta da Galiza como do Goberno do Estado ante o problema da vivenda, que só adoptan "medidas paliativas".

Unha critica que partilla Iria Nande, unha das voceiras da Plataforma Galega Vivenda Xa!, que denuncia que as Administracións galega e estatal non están  a desenvolver as políticas de vivenda necesarias. "Que propón a Xunta, compartir piso até os 36 anos? Non é serio", sinala a Nós Diario. "E hai vivendas da Sareb que o Estado podería transferir á Xunta e pór xa a disposición da xente", engade. Apunta á falta de políticas para limitar os prezos do arrendamento ou para que vivendas baleiras pasen ao mercado residencial.  "A mocidade está moi afectada pola crise da vivenda", conclúe, "mais estamos xa nun punto en que até familias con dous soldos ven como o aumento do aluguer tamén lles causa problemas".

A emancipación, cada vez máis tardía e só para unhas poucas

A taxa de emancipación dos galegos e das galegas de entre 16 e 29 anos baixou máis dun punto porcentual e situouse en 2023 —último ano con datos fechados—, en 15,3%, influenciada, entre outras cuestións, polo incremento dos prezos do aluguer. Unha porcentaxe que supón 1,2 puntos porcentuais menos que en 2022 e que está, ademais por baixo da media estatal, que en 2023 era de 16,3%, un punto por riba da galega. "A medida para emanciparte é cada vez máis alta, marchamos da casa con máis anos do que o fixeron as nosas aboas", indica Miriam Sánchez.

Na Galiza hai, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), 357.000 persoas na faixa de idade entre os 16 e os 29 anos, e delas 303.000 non estarían emancipadas. Coa finalidade, segundo a Xunta da Galiza, de favorecer a independencia habitacional da mocidade, o Goberno galego presentou en marzo o 'Bono Emancípate', unha liña de axudas coa que persoas de 18 a 35 anos poderán adquirir electrodomésticos e outro mobiliario necesario nunha vivenda a través de axudas. A propia Xunta cifrou en ao redor dun máximo de 1.000 os mozos e as mozas que se poderían beneficiar desta medida para "a emancipación xuvenil", malia que no país hai máis de 300.000 persoas novas residindo na casa familiar.