Centos de estafad@s reclaman en Compostela o 60% dos aforros que aínda lles debe NGB

Responsabilizan o PP de ter "legalizado" o espolio "máis importante" no noso País e cifran en máis de 500 millóns os cartos que fican por devolver. O Bloque, única formación política que fixo acto de presenza, acusou o banco de ser quen "de lle devolver 1.100 millóns a Bruxelas" namentres retén o diñeiro d@s afectad@s.


Lois é veciño de Cambados. A consecuencia dun accidente de tráfico, perdeu masa encefálica sofre unha discapacidade do 70%. O diñeiro que cobrou como indemnización estafoullo Novagalicia Banco coa venda de participacións preferentes "e o PP legalizou ese roubo". A súa historia non remata aquí. Após unha manifestación na Estrada, foi imputado e ten unha causa penal aberta na súa contra pola que será xulgado o 5 de novembro. "Este é o exemplo máis flagrante de que isto é unha inxustiza".

O caso de Lois reúne os dous elementos en contra dos cales por volta de 300 persoas afectadas polas preferentes e subordinadas se mobilizaron, máis unha vez, este sábado en Compostela: o roubo dos seus aforros e a "represión" que denuncian por parte dos gobernos galego e español.

"Sentimos a nosa dignidade pisada", sinalaba o manifesto ao que deu leitura Verónica, unha das afectadas, ás portas da residencia oficial do presidente da Xunta en Monte Pío. Antes de clausurar a mobilización, as bucinas, que levaban soando sen parar desde as 11.30h da mañá, pararon. E tod@s berraron a un tempo: "Onde están, que non se ven, as promesas do PP". 

Arbitraxes "totalmente desvirtudadas"

As persoas estafadas polas entidades bancarias que foron nacionalizadas "están a suportar procesos de arbitraxe totalmente desvirtuados", denunciou perante os medios de comunicación Iria Aguede, integrante da Adicae. Cifrou no 60% o volume de diñeiro que fica sen devolver. Xesús Domínguez, voceiro da plataforma de afectad@s de Compostela, detallou que son máis de 500 millóns.

"É absolutamente inmoral que cando a banca está a obter de novo beneficios extraordinarios o PP non tome unha decisión definitiva para devolver aos aforradores".

Foi a denuncia que fixo o voceiro nacional do Bloque, Xavier Vence, quen cualificou esta situación como "unha absoluta vergoña" e criticou que a Xunta "xogue a vender a entidade financeira, que é quen de lle devolver 1.100 millóns a Bruxelas e non ten 500 para os estafados". Vence foi o único representante político que participou na mobilización.

"A arbitraxe xudicial non existe"

A Xunta e o Goberno español concentraron boa parte das proclamas que entoaron @s manifestantes no camiño que separa a Praza de Galiza de Monte Pío.

Xesús Domínguez acusou ambos os dous executivos de "non facer nada por solucionar esta estafa masiva" e de "utilizar a delegación do Goberno na Galiza para nos acribillar a multas". Domínguez enfatizou que "a arbitraxe xudicial" prometida por Feijóo e polo presidente do Tribunal superior de Xustiza "non existe, era unha mentira" e advertiu de que "non imos parar".

Van alá dous anos desde que comezaron a se ouvir nas rúas do País os chifros d@s aforrador@s enganad@s polas antigas caixas, Caixa Galicia e Caixanova. 

Os números da arbitraxe prometida "para todos" por Feijóo na campaña eleitoral que lle deu a vitoria nas urnas o 21 de outubro de 2012, "son sesgados", explicou Iria Aguede, da Adicae, pois quen ten diñeiro metido en preferentes e en subordinadas "devolvéronlle un produto e ficaron sen cobrar o outro". 


Aliás, os procesos de conciliación xudicial que a Xunta vendeu como "unha solución máxica" foron rexeitados por Novagalicia Banco, quen sinalou que quen queira recuperar o diñeiro terá que denunciar. A conciliación non require o pagamento dunha taxa nin un ou unha procuradora, polo que o desembolso para @s afectad@s sería moito menor. Malia todo, el@s téñeno claro: "estamos aquí para berrar ben alto que non imos cansar".