Centos de emigrantes retornad@s mobilízanse en Vigo contra as sancións ''que nos tratan como a delincuentes''

[Imaxes cedidas polas plataformas]

As plataformas constituídas en todo o País protestaron canda as vítimas das preferentes.


Non queren caridade nin boas palabras. Queren que Facenda cancele todos os expedientes sancionadores "que nos tratan como a delincuentes" ao aplicar con carácter retroactivo un real decreto en virtude do cal lles reclaman o IRPF correspondente ás pensións que cobran doutros estados desde o ano 2008. A comezos deste ano, a Axencia Tributaria anunciou outras 30.000 inspeccións na declaración da renda d@s emigrantes retornad@s e que se veñen sumar ás 20.000 que xa se practicaron en 2013. 

“Castíganos por partida tripla, primeiro fixando para nos un réxime fiscal diferente ao do resto dos cidadáns do Estado, segundo determinando uns tramos distintos no momento de responder fronte ao fisco e por último o que é máis doe é  que desde o Estado pero tamén desde a propia Axencia tributaria téntanos facer pasar por defraudadores", explica o colectivo, que este primeiro día de febreiro se mobilizou en Vigo canda as vítimas do calote das preferentes. 

Reclamaron, así mesmo, a modificación lexislativa "que elimine a arbitrariedade na interpretación da lei", en referencia á norma 35/2006, do IRPF --imposto sobre a renda das persoas físicas-- e que se revisen os convenios con outros estados para evitar nun futuro situacións coma a actual. Aliás, peden á Axencia Tributaria que encete unha campaña informativa para coñecer as súas obrigas co fisco e que lles devolva todo o diñeiro que xa cobraron en concepto de sancións.