Centos de sinaturas para espantar de Corcoesto ''a pantasma'' da minaría

Imaxes: Maia
A plataforma veciñal que se opón ao proxecto de mina a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende desenvolver en Cabana de Bergantiños, co beneplácito da Xunta do PP, vén de facer público un manifesto apoiado polo mundo da cultura, a docencia, a investigación, a política e o movemento ecoloxista galego

A Plataforma pola defensa de Corcoesto vén de facer público un manifesto contra a mina a ceo aberto que unha empresa de capital canadense pretende instalar na parroquia, ubicada en Cabana de Bergantiños, e que afectaría tamén os municipios lindeiros de Ponteceso e Coristanco.

No texto, que conta co apoio explícito de centos de persoas vinculadas ao mundo da cultura, da docencia, da investigación e da política, para alén do movemento ecoloxista galego, salienta que o proxecto mineiro supón "un espolio dos recursos" do país practicado "co apoio explícito" dunha Xunta até o de agora gobernada polo PP e que non dubidou en presentar como "proxecto estratéxico" as intencións da mineira Edgewater: destruír unha superficie equivalente a 700 campos de fútbol a cambio de 20 postos de traballo.

O uso do cianuro como técnica para a separación do ouro "é altamente contaminante", e todo co ollar posto en 34 toneladas de ouro "das cales nin sequera está demostrada a súa existencia". Para isto removeránse 64 mil toneladas de terra ao día, e consumiranse máis dun millón de litros de auga. Segundo os cálculos da Plataforma, o consumo é o equivalente ao que farían 6.497 persoas. Son máis d@s que habitan o concello de Cabana.

Hai uns días, representantes do colectivo veciñal contrario á mina de ouro mantiveron unha xuntanza coa consellaría de Industria, nomeadamente co secretario xeral, Borja Berea, e a subdirectora xeral de Recursos minerais, María José Mijares. Segundo explicou a este xornal Francisco García, amb@s os dous altos cargos ficaron "sorprendidos" pola cantidade de información que manexa a Plataforma.

"Non contaban con que soubesemos tanto", subliñou García, salientando que Berea se comprometeu a revisar as alegacións que o colectivo presentou para parar a mina, proxecto que, tal e como transladaron en San Caetano, consideran "puramente especulativo". Como reza o manifesto, unha pantasma percorre as terras de Pondal, os vales de Bergantiños, as revoltas do Anllóns [...] Esa pantasma ten alento de cianuro e chámase Edgewater